Data:
Consellería do Medio Rural
Orde do 7 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á realización de certames de gando bovino selecto e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MR562A).
BDNS (Identif.): 735956.
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, as bases reguladoras das axudas para a celebración de certames de gando bovino selecto na Comunidade Autónoma de Galicia, e proceder á sua convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento MR562A).
2. O procedemento de concesión das axudas recollidas nesta orde, de xeito excepcional, non requirirá a comparación nin a prelación das solicitudes presentadas, senón que se tramitarán todas as solicitudes a medida que os concellos interesados as presenten, ata esgotar o crédito orzamentario, e en cumprimento do artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Os obxectivos finais que se perseguen son:
– O aumento da rendibilidade das explotacións gandeiras galegas, da súa viabilidade e do nivel de vida dos gandeiros.
– A modernización do sector gandeiro galego en materia de xenética, sanidade e produción animal.
– A mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades nas súas producións.
– A optimización na utilización das oportunidades e recursos dispoñibles.
– O apoio aos elementos de identidade cultural relacionados coas razas gandeiras.
– A formación de novos gandeiros e gandeiras.
Entidades beneficiarias
Poderán acollerse ás axudas descritas nesta orde os concellos de Galicia que organicen certames de gando selecto e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.
b) Non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
c) Cumprir o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
d) Dispoñer de instalacións axeitadas adaptadas ao tipo de certame, que garantan unhas condicións sanitarias e de benestar animal óptimas.
e) Dispoñer de medios técnicos e de persoal para a celebración deste tipo de eventos.
f) Dispoñer dun regulamento interno en que se establezan as condicións mínimas de presentación, benestar animal, sanidade e calidade xenética que deben cumprir os animais participantes, que deberá ser supervisado polos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural.
g) Contar coa colaboración da correspondente asociación de gandeiros oficialmente recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión do Libro Xenealóxico ou a realización do control de rendementos, que participarán no desenvolvemento do evento e asesorarán sobre as datas idóneas de celebración do certame.
Importe
A contía global destas axudas será, para o ano 2024, de douscentos mil euros (200.000 €), con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.
Así mesmo, os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia con que se financiarán estas axudas poderanse incrementar previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo o mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
Prazos de presentación
Os prazos para a presentación de solicitudes serán de:
a) Para os certames celebrados desde o 1 de novembro de 2023 ata á data de publicación desta orde: un mes desde o día seguinte ao da súa publicación.
b) Para os certames que se celebren despois da publicación desta orde: un mes contado desde o día seguinte da celebración do evento e coa data límite do 31 de outubro de 2024.
De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación ou celebración segundo o caso; se o último día do prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 735956): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index
-Na Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.