Data:

Máis de cincuenta alcaldesas, concelleiras e técnicas municipais participaron no segundo encontro de alcaldesas e concelleiras organizado pola FEGAMP baixo o lema “A mocidade, forza motriz para a igualdade” no marco das súas iniciativas para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller.
Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2025.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) ven de celebrar o segundo encontro de alcaldesas e concelleiras sobre boas prácticas e propostas de futuro para promover políticas locais de igualdade coa mocidade.
O encontro celebrouse baixo o lema “A mocidade, forza motriz para a igualdade” no marco das iniciativas da FEGAMP para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, e comezou coas intervencións de apertura de María Barral, vicepresidenta executiva da FEGAMP e alcaldesa de Betanzos, e de Inés Rey, alcaldesa da Coruña e vicepresidenta primeira da FEMP.
Na súa intervención, María Barral, sinalou que despois da gran acollida do ano pasado “celebramos este segundo encontro de alcaldesas e concelleiras e neste encontro imos poñer o foco sobre as mulleres novas e as nenas en relación ás políticas públicas de igualdade necesarias”
A vicepresidenta executiva de FEGAMP proseguiu salientando que “imos conmemorar o 8 de Marzo de 2025 como Día Internacional da Muller, reafirmando o compromiso do municipalismo galego cos dereitos das mulleres, cara a acadar a igualdade de xénero en todos os espazos da vida política e social local dende o pulo de medidas concretas que reforcen os dereitos das mulleres e as nenas, para que sexan protagonistas do seu propio presente”.
Barral lembrou que se cumpren trinta anos da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing, na que sentáronse as bases para o avance dos dereitos das mulleres en todo o mundo, lamentando que “trinta anos despois desgraciadamente seguimos comprobando que eses avances aínda non son dabondo cando tamén poñemos o foco sobre as mulleres novas, a mocidade en xeral e o seu uso das redes sociais”.
Recentes estudos, como o publicado pola Fundación SM e o Observatorio da Xuventude en Iberoamérica en marzo de 2022 baixo o título “Perspectivas sobre a igualdade, o feminismo, a violencia machista e as relacións afectivo-sexuais”, sinalan que un 47% dos chicos enquisados opina que con la escusa da igualdade as mulleres pretenden ter máis poder que os homes , e que catro de cada cinco mozas españolas consideran que deben esforzarse máis para demostrar que merecen os seus postos, fronte á metade dos mozos.
“De este xeito, se evidencia que os avances conseguidos en igualdade están en risco pola onda retrógrada vencellada coa ultradereita que está espallarse por numerosos países, tamén en España” afirmou María Barral, que sinalou que “segue sendo necesario reforzar a nivel global e local a aplicación de medidas de fomento dos dereitos das mulleres e nenas fronte a toda forma de violencia, discriminación e explotación; de promoción da igualdade de xénero elevando as voces das mulleres e nenas, e de impulso do apoderamento garantindo o acceso inclusivo de mulleres e nenas á educación, o emprego, o liderado e os espazos de toma de decisión”.
María Barral detívose na situación nos concellos e deputacións, sinalando que “as mulleres seguemos a padecer máis dificultades que os homes para desenvolver a nosa actividade na política local” polo que hai que seguir a traballar para “superar nos trescentos trece concellos galegos o 40% de alcaldesas (agora somos o 22%), e incluso chegar ao 50%”. No caso das concelleiras “xa somos o 40% e, no seguinte mandato ,dúas deputacións, polo menos, deben contar cunha presidenta, e as deputadas provinciais tamén teñen que chegar ao 50% (agora somos o 36%)”.
A vicepresidenta executiva da FEGAMP rematou destacando que “temos que conseguir que as entidades locais sexan espazos onde a igualdade sexa unha realidade” polo que “a vocación do municipalismo galego é seguir traballando arreo nas políticas de igualdade”.
Na súa intervención, Inés Rey destacou a importancia de involucrar ás novas xeracións na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria, así como o papel fundamental dos concellos na garantía de dereitos e na aplicación de políticas feministas.
A alcaldesa da Coruña puxo en valor o traballo realizado desde os municipios para integrar a perspectiva de xénero en todas as áreas de goberno e a necesidade de seguir creando espazos de reflexión e acción para avanzar en materia de igualdade. Tamén subliñou os desafíos aos que se enfrontan as mulleres novas, como a violencia dixital ou as dificultades para acceder a espazos de liderado, e insistiu na responsabilidade das administracións en combater estas problemáticas desde a base.
"A igualdade non é só un obxectivo, é unha responsabilidade compartida", concluíu Rey, reivindicando o compromiso das administracións locais na loita pola igualdade real e efectiva.
(Nesta ligazón podes acceder ao video completo das intervencións de María Barral e Inés Rey)
De seguido celebrouse a mesa “As alcaldesas falando dos riscos e ameazas paras as mozas. Os concellos como garantes de dereitos para todas” na que interviñeron Cristina Cid (alcaldesa de Allariz), Marián Ferreiro (alcaldesa de Narón), Uxía Oviedo (alcaldesa de Maceda), Marisol Morandeira (alcaldesa de Guitiriz) e Paula Fernández (alcaldesa de Silleda).
(Nesta ligazón podes acceder ao video completo das intervencións das alcaldesas que interviñeron)
Despois celebrouse a mesa “Concelleiras galegas abordan boas prácticas en igualdade co foco na mocidade” na que interviñeron Carmen Porto (concelleira de Planificación, Xestión Educativa e Mocidade de Ames), María Pilar Cabrera Gómez (concelleira de Xustiza Social e Participación de Sandiás), Selene González (concelleira de Benestar Social, Igualdade, Formación e Emprego e Ensino de Salceda de Caselas), María do Carme Muiño (concelleira de Benestar de San Sadurniño), María Ortega (concelleira da Muller de Moaña.
(Nesta ligazón podes acceder ao video completo das intervencións das concelleiras que interviñeron)
Das intervencións nestas mesas transcenderon cuestións como la imprescindibilidade da transversalidade nas políticas de igualdade dos concellos e da coordinación de todas as administracións públicas, a promoción dos Centros de Información das Mulleres (CIM) e os Consellos Municipais das Mulleres, o urbanismo de xénero no rural, defensa da participación política, a educación sexual dende primaria e a intervención local sobre a mocidade e os seus espazos de socialización e información, como as redes sociais, entre outras conclusións.
Houbo tempo para a presentación da próxima iniciativa da FEGAMP dirixida á mocidade nos concellos “CAMBIADEBANDO.GAL”, a cargo da empresa JUSTGAME, que está desenvolvéndoa. As accións comezarán o vindeiro 30 de abril en Ames coa participación de mozos e mozas nunha dinámica participativa de “gamificación” sobre cuestións de igualdade e machismo.
O encontro rematou coa intervención de María Debén (coordinadora da Área de Igualdade da Delegación do Goberno en Galicia) que fixo fincapé na necesidade de compatibilizar a transversalidade coas políticas públicas concretas de discriminación positiva, e a importancia do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, recentemente aprobado no Congreso só cos votos en contra da ultradereita, e no que os concellos deben reclamar a súa intervención e apoio.
(Nesta ligazón podes acceder ao video completo coas intervencións de Camen López e María Debén)