Varela traslada ao Delegado do Goberno o afogamento económico dos concellos

Data: 

martes, 4 Maio, 2021 (Todo o día)

A Fegamp traslada ao Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a urxencia de inxectar diñeiro aos concellos galegos afogados polos defectos do sistema de financiamento e a pandemia do coronavirus.

No primeiro encontro de Alberto Varela con José Miñones como representante do Estado en Galicia, abordouse a preocupante situación das arcas municipais, agravada tanto polos custos das medidas fronte a crise sanitaria como polas axudas sociais á cidadanía ou ás pymes que están a prestar as entidades locais. O presidente da FEGAMP solicitou tres medidas fundamentais para os concellos: a transferencia do 15% dos fondos europeos de reconstrución para que os xestionen directamente os concellos, a devolución do IVE pendente de 2017 (que no caso dos concellos galegos suma 45 millóns de euros), e a imperiosa necesidade de
aumentar a aportación económica ao Servizo de Axuda no Fogar, sufragado maioritariamente polos concellos a pesar de que “ía recaer no Estado e nas Comunidades Autónomas” . A este respecto Varela suxeriu o establecemento de transferencias de carácter finalista que garanten un adecuado financiamento deste servizo esencial.

Ao termo dunha xuntanza “cordial e construtiva”, o presidente da Fegamp salientou “a consciencia” de José Miñones da realidade municipal trala súa experiencia como alcalde de Ames e confiou que a súa empatía e coñecemento axudarán a prestar o mellor apoio á administración local.