Un orzamento de 28,5 millóns de euros en 4 anos para o convenio de faixas secundarias

Data: 

xoves, 9 Agosto, 2018 - 11:00
sinatura convenio faixas secundarias 2018

O presidente da Fegamp, Alfredo García, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e o presidente da empresa pública Seaga, Pablo Arbones, realizaron o 9 de agosto a sinatura oficial do convenio de limpeza de faixas secundarias que regulará a colaboración entre as tres administracións para a prevención de incendios.

Tras a publicación no DOG do convenio, os concellos dispuxeron dun mes para solicitar a súa adhesión voluntaria ao mesmo e poder así acceder ao financiamento previsto que en concreto será de 28,5 millóns de euros a repartir nos próximos 4 anos. O presidente da Fegamp, Alfredo García, asegurou no acto de sinatura: “este convenio é un paso adiante para cumprir o obxectivo de que os núcleos de poboación estean protexidos en caso de incendio” pero tamén aclarou que “aínda que pode resolver o tema da seguridade este convenio non acabará cos incendios xa que iso pasaría como dicimos de forma insistente desde a Fegamp por que se ordene o territorio, se poña en valor e se faciliten os medios legais que se estimen de conveniencia”. O presidente do ente supramunicipal falou tamén da importancia da colaboración entre administracións para sacar adiante este convenio pero tamén destacou de novo a posición da Fegamp en canto a que este convenio pon de manifesto que os concellos non tiñan capacidade real para executar esta competencia.

Unha cuestión fundamental que quixo destacar tamén o presidente foi “que a implicación dos propietarios das fincas abandonadas, cumprindo así a súa obrigación, está a eliminar a percepción errónea de que son as administracións as que teñen que limpar as fincas”. Por iso, asegurou García, “incidirase na identificación de  propietarios de parcelas que non  estean limpas procedendo á sanción ou execución subsidiaria á costa dos propietarios”, concluíu. Os criterios de actuación para executar as labores necesarias de desbroce van estar asentados sobre criterios obxectivos que van ser determinados polo risco de incendios nos últimos anos,  alta actividade incendiaria, afectación do vento nordés, etc. e as labores serán realizadas pola empresa pública Seaga.
 
En calquera caso, concluíu García: "este convenio é unha medida que resolverá a seguridade nos núcleos rurais, non resolverá os incendios xa que estes só diminuirán na medida na que se regule o acceso ao terreo de todas aquelas persoas ou empresas que queiran poñer en funcionamento explotacións no territorio polo que neste sentido é gratificante observar como nas conclusións de comisión de incendios do parlamento aparece o que vimos dicindo reiteradamente na FEGAMP como é a idea de crear polígonos agrarios ou forestais que permitirán a dispoñibilidade de terreos para as iniciativas que podan xurdir” asegurou.