Data:
A Federación Galega de Municipios e Provincias propón medidas concretas para a reforma do reparto de competencias e fondos entre Goberno galego e entidades locais comprometida pola Xunta hai dous anos e pide a convocatoria da comisión mixta que levará a cabo este traballo.
Un rigoroso estudio realizado por expertos na materia e académicos a petición da Fegamp, evidencia o estrés económico das administracións locais, discriminadas por un sistema de financiamento estatal que non se reforma dende hai case dúas décadas, mentres que aumenta os ingresos das arcas autonómicas. Esta situación se agrava ao limitar a capacidade de xestión do municipalismo polo condicionamento dos fondos que, no caso dos concellos galegos, supón 80% das transferencias da Xunta (entre fondo base e subvencións).
Nun segundo bloque que analiza o ámbito competencial, o informe revela un notable incremento de obrigas atribuídas aos concellos por parte do Goberno galego sen a dotación económica correspondente. A Fegamp ten detectado que as administracións locais empregaron en 2021 máis de 600 millóns de euros dos seus propios recursos a programas competencia da Xunta de Galicia como servizos sociais (279), fomento de emprego (case 93), comercio, turismo e pemes (máis de 59), educación (preto de 115) ou sanidade (17) responsabilidade da Xunta de Galicia.
Finalmente, no terceiro bloque, realízase un estudo sobre as fórmulas de xestión para mellorar a prestación de servizos e a eficiencia do servizo público, facendo fincapé nunha cogobernanza real entre Comunidade Autónoma e Entidades Locais, con corresponsabilidade na toma de decisións para a resolución dos problemas da sociedade, na posta en marcha de medidas e no uso dos fondos dispoñibles e na toma de decisións.
En conclusión, o informe realiza propostas nos seguintes aspectos:
- Modificación do modelo de Participación nos Ingresos da Comunidade Autónoma.
- Novo tratamento das subvencións destinadas ao financiamento de servizos e investimentos locais.
- Medidas de compensación financeira aos concellos polos sobrecustos soportados polas facendas municipais como consecuencia de situacións extraordinarias
- Modificación do Título VII (das facendas locais) da “Lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración Local de Galicia”.
- Articulación de cláusulas de garantía
- Revisión das competencias propias e servizos mínimos da Lei 5/1997
- Revisión das actividades complementarias previstas no art. 86 da Lei 5/1997
- Revisión da lexislación sectorial: Estudo da atribución de competencias e servizos realizadas ás entidades locais e determinación do financiamento axeitado
- Cumprimento íntegro do disposto no Pacto Local de Galicia de 20 de xaneiro de 2006 e proposta de revisión e actualización do mesmo
- Implantación de bases para propiciar unha co gobernanza real entre Comunidade Autónoma e Entidades Locais
- Planificación coordinada dos fondos europeos do Plan de Recuperación e Resiliencia
- Reforzamento da asistencia das Deputacións Provinciais aos concellos
- Impulsar fórmulas de xestión integrada provincial de servizos municipais
- Impulsar fórmulas de colaboración público-público e regulación legal específica das relación de colaboración horizontal e vertical entre a Administración Xeral da Xunta de Galicia e as entidades locais