SUBVENCIÓNS A PROXECTOS DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA REFERIDOS Á RENOVACIÓN DAS INSTALACIÓNS DE ILUMINACIÓN PÚBLICA EXTERIOR EXISTENTES NOS CONCELLOS DE GALICIA. PRAZO: 30-04-2015

Data: 

martes, 31 Marzo, 2015 (Todo o día) a xoves, 30 Abril, 2015 (Todo o día)

 

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de aforro e eficiencia enerxética referidos á renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes nos concellos de Galicia (ILE), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

Obxecto 

1. As presentes bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións de renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes (ILE), baseadas en tecnoloxías obsoletas, por outras actuais e máis eficientes, aplicando criterios de aforro e eficiencia enerxética que –segundo se establece no Real decreto 1890/2008, do 14 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de eficiencia enerxética en instalacións de iluminación exterior e as súas instrucións técnicas complementarias EA-01 e EA-07 (BOE núm. 279, do 19 de novembro)– acaden unha cualificación enerxética A ou B. Non se subvencionarán proxectos que teñan unha cualificación enerxética igual ou inferior a C.

Beneficiarios

1. Serán beneficiarios das subvencións contidas nesta resolución:

– Os concellos de Galicia que efectúen a súa solicitude individualmente.

– Os concellos de Galicia que formulen a súa petición de maneira conxunta constituídos en agrupación ou asociación. Nestes casos, deberase facer constar expresamente no convenio de colaboración que subscribirán os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, que terán igualmente a condición de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación ou asociación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas propias dos beneficiarios dunha subvención. Non poderá disolverse a agrupación ou asociación constituída ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– As mancomunidades e consorcios locais de Galicia.

2. Todos os beneficiarios das axudas terán que cumprir, ademais, co requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2013 ao Consello de Contas de Galicia. No caso de solicitude conxunta para a xestión compartida, tal requisito será exixible de cada un dos membros da agrupación ou asociación. A falta deste requisito por parte dalgún dos concellos será motivo abondo para non admitir a trámite a solicitude.

3. Cada concello só poderá participar nunha solicitude, xa se efectúe individualmente, de forma conxunta, ou ben formando parte dunha mancomunidade ou consorcio. Así mesmo, cada agrupación, asociación, mancomunidade ou consorcio local non poderá presentar máis dunha solicitude.

4. Todas as instalacións deberán contar cunha auditoría enerxética segundo a memoria técnica a que se refire o artigo 6.1 B.1 dispoñible na páxina web do Inega. O incumprimento destes requisitos poderá dar lugar á minoración ou denegación da axuda segundo corresponda.

Financiamento

1. As subvencións que se concedan imputaranse ás seguintes aplicacións orzamentarias:

Programa de axudas públicas para o aforro e eficiencia enerxética

-Sector: Servizos públicos

-Código: IN417P

-Concepto: Renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes (ILE)

-Total fondos (€): 1.340.306,76

-Aplicación orzamentaria: 08.A2.733A.761.0

2. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, aínda que cabería a posibilidade de incrementar o crédito coa condición dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración fixados no artigo 14 destas bases.

3. De producirse a ampliación de crédito publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Inega (www.inega.es), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Actuacións que se subvencionan

Poderán obter dereito a subvención todas aquelas actuacións solicitadas dentro do prazo previsto no artigo 5 destas bases sempre que se executen entre o día seguinte á data da publicación destas bases reguladoras no DOG e o 15 de outubro de 2015.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o seguinte a aquel en que se publiquen as presentes bases no Diario Oficial de Galicia.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 601.07 MB