SUBVENCIÓNS PARA SERVIZOS BÁSICOS LOCAIS EN ALDEAS MODELO E ÁMBITOS TERRITORIAIS VINCULADOS AOS INSTRUMENTOS DE RECUPERACIÓN DA TERRA AGRARIA - PDR DE GALICIA 2014-2020. PRAZO: 25-02-2022

Data: 

mércores, 26 Xaneiro, 2022 (Todo o día) a venres, 25 Febreiro, 2022 (Todo o día)

 

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural 

Resolución do 29 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento MR711D). BDNS (Identif.): 606655.

Obxecto

Regular o procedemento de concesión das axudas que xestionará a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no marco da medida 7.4 do PDR de Galicia 2014-2020, para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria

Para estes efectos, o día da publicación no DOG da correspondente convocatoria estará dispoñible no enderezo da páxina web da Agader (agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda) a relación de aldeas modelo declaradas en virtude dos correspondentes acordos do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou ben da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Así mesmo, publicarase a través do mesmo medio a relación de polígonos agroforestais respecto dos que se publicase no Diario Oficial de Galicia o correspondente acordo de iniciación do procedemento para a súa aprobación, nos termos previstos no artigo 83 da citada Lei 11/2021.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios das axudas xestionadas ao abeiro destas bases reguladoras os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

1. Que conten no su ámbito territorial cos seguintes instrumentos voluntarios de recuperación e/ou mobilización de terras nos seguintes termos:

– Que se declarase no seu territorio unha aldea modelo ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou ben ao abeiro da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

– Que se iniciase no seu territorio o procedemento de aprobación para o desenvolvemento dun polígono agroforestal, nos termos previstos no artigo 83 deste texto legal.

2. Ter remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estea obrigado, antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude de axuda.

3. Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia.

4. Ter a titularidade ou, de ser o caso, a dispoñibilidade, durante un período mínimo de cinco anos, dos bens sobre os cales se vai actuar.

Contía

A dotación máxima para financiar estas axudas ascende a de 1.093.333 €, que se financiarán con cargo á partida orzamentaria 14-A1-712A-760.0 (código de proxecto 2019-00003) dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o ano 2022.

O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos nos artigos 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os proxectos subvencionados recibirán unha porcentaxe de subvención do 80 % dos custos subvencionables, ata un máximo de 50.000 €.

Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables as actuacións destinadas á:

a) Instalación, ampliación ou mellora das redes de iluminación pública.

b) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos (prazas, paseos, rúas, parques públicos, parques infantís, etc.).

c) Pavimentación de vías públicas municipais.

d) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos básicos e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.

e) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.

f) Rehabilitación de elementos patrimoniais, tales como fontes, lavadoiros, hórreos, muíños.

g) Implantación e mellora de servizos asistenciais (atención á infancia, centros de día, residencias para maiores, dependentes ou discapacitados, centros formativos e de inserción/reinserción laboral/social, etc.).

h) Implantación e mellora de servizos culturais (bibliotecas, casas de cultura, centros de interpretación, museos, etc.).

i) Centros de servizos, así como pequenas infraestruturas e/ou equipamentos a pequena escala que fomenten a cooperación, servizos e implantación ou mellora das empresas no medio rural.

j) Creación, mellora e despregamento de infraestruturas para mellorar as comunicacións naquelas contornas en que non sexan posibles as comunicacións de voz en mobilidade.

k) Pequenas infraestruturas de abastecemento de auga, saneamento e depuración de augas residuais e xestión de augas pluviais.

l) Pequenas infraestruturas e enerxías renovables e relacionadas coa eficiencia enerxética.

m) Dixitalización de núcleos rurais.

n) Implantación de e-servizos mediante TIC específicas para a provisión de servizos no medio rural. Desenvolvemento de modelos de prestación de servizos por medios electrónicos e facendo uso das novas tecnoloxías para conseguir a personalización e proactividade do servizo ou a xestión intelixente de redes de distribución.

2.Todos os proxectos subvencionables deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda.

Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento o comezo dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido dos equipamentos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible e que vincule xuridicamente o solicitante, se esta data é anterior.

Os solicitantes poderán iniciar a execución do proxecto antes da resolución de concesión da subvención sempre que acrediten que non está iniciado na data de solicitude da axuda mediante acta que reflicta fidedignamente o non inicio da obra ou instalación, na forma establecida no artigo 9.1.f) destas bases reguladoras.

b) Que se desenvolvan no territorio elixible, determinado segundo se describe a continuación:

– O perímetro que conforma a zona de actuación da aldea modelo, segundo figura nos correspondentes acordos de declaración do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

– Os núcleos rurais situados a menos de 1 quilómetro (medido en liña recta) respecto do perímetro dun polígono agroforestal, segundo figura nos correspondentes acordos de inicio do procedemento de aprobación.

c) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento do pagamento final cumpran os obxectivos e funcións para os cales se lles concedeu a axuda.

d) Que sexan viables técnica e financeiramente.

e) Que se axusten á normativa sectorial que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto, así como ás especificacións indicadas nas presentes bases.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no DOG da Resolución do 29 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2022.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

 

Descargas: