Data:
Consellería de Infraestruturas e Vivenda
ORDE do 21 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, con carácter plurianual. BDNS (Identif.): 377926.
Obxecto das axudas
Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 20.000 habitantes para que poidan rehabilitar as antigas vivendas de mestres, as doutros oficios e as demais edificacións da súa titularidade, co obxecto de que se destinen, en réxime de alugamento, á residencia habitual e permanente de unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM).
Este límite de ingresos poderá ser modificado por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), a cal será publicada no Diario Oficial de Galicia.
Concellos beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:
a) Contar con menos de 20.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística e correspondente ao día 1 de xaneiro do ano de cada convocatoria.
b) Contar con demandantes de vivenda inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia no seu concello.
c) Ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria, no que o seu prazo de presentación estivera vencido.
2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se atopen nalgún dos supostos previstos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Actuacións subvencionables
1. Consideraranse actuacións subvencionables a execución de obras de rehabilitación en edificacións e en vivendas de titularidade municipal, que garantan o cumprimento dos requisitos básicos de funcionalidade, seguranza, habitabilidade e/ou a accesibilidade. Entre as condicións de habitabilidade poderanse considerar a execución de medidas que eviten a entrada no edificio do gas radón ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.
2. As actuacións subvencionables incluirán, para os efectos de determinación do custo total das obras, os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. Tamén serán subvencionables os gastos xerais de estrutura que inciden sobre o contrato, referido no artigo 131 do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas: gastos xerais e beneficio industrial. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.
Contía da axuda
1. As axudas poderán acadar ata o 90 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 40.000 euros por vivenda rehabilitada ou de 48.000 euros, no caso de vivendas situadas no ámbito histórico ou dos camiños de Santiago.
2. A subvención poderá ter carácter plurianual, distribuíndose as anualidades en función do prazo de execución comunicado polo concello, sen que en ningún caso o importe da última anualidade poida ser inferior ao 20 % do importe total da subvención concedida.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 1 de xuño de 2018 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.