Subvencións para proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional (PRTR). Prazo: 24-08-2023

Data: 

martes, 25 Xullo, 2023 (Todo o día) a xoves, 24 Agosto, 2023 (Todo o día)

 

Consellería de Política Social e Xuventude 

Orde do 10 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións en réxime de concorrencia competitiva dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais de Galicia para a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2023 (código de procedemento BS508E). BDNS (Identif.): 709029.

Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, polo procedemento de concorrencia competitiva, ás entidades de acción voluntaria, tanto ás de carácter asociativo como ás que teñan o carácter de entidades locais e agrupacións de entidades locais de Galicia, inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, para o financiamento da elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional.

As actividades que se van subvencionar serán aquelas baseadas no recoñecemento da experiencia das persoas maiores que poidan servir como catalizador para fomentar as iniciativas das persoas máis novas, naqueles sectores e actividades que presenten maiores dificultades de remuda xeracional e que estean comprendidos nas liñas especificadas no artigo 6 da orde, que permitan achegar novas oportunidades de emprego e asentamento poboacional ao territorio e que garantan, en todo caso, a consecución dos obxectivos marcados no Plan de recuperación, transformación e resiliencia dentro das políticas panca da nova economía dos coidados e políticas de emprego e, de xeito transversal, da axenda urbana e rural, da loita contra o despoboamento e desenvolvemento da agricultura, e proceder á súa convocatoria para o ano 2023.

A execución dos proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural terá como data límite o 20 de outubro de 2023.

Con estas subvencións financiarase o desenvolvemento de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural, integrados no proxecto piloto Talento interxeracional, cuxa finalidade é aproveitar o talento e a experiencia das persoas maiores voluntarias implicadas para contribuír á modificación da estrutura poboacional, tratando de aumentar a taxa de poboación nas zonas rurais, ofrecendo oportunidades vitais axeitadas ás necesidades reais do medio rural e a mellorar as condicións de vida e os servizos sociais e asistenciais de proximidade mediante un modelo planificado de recuperación económica onde se poidan desenvolver proxectos vitais con certas garantías de futuro e permanencia coa axuda da tecnoloxía e da innovación.

Neste marco fomentaranse os proxectos de voluntariado coa participación de persoas maiores con experiencia e a través de grupos interxeracionais para a posta en marcha de iniciativas de investigación, innovación e mellora do medio rural coa instauración de modelos de intervención axeitados á realidade social e económica da zona onde se leven a cabo.

A finalidade do proxecto é recoñecer as posibilidades que ofrece o medio rural e mostrar á xuventude as oportunidades de futuro que pode achegar tanto a nivel individual como social e, por outra banda, recoñecer a experiencia das persoas maiores en diferentes eidos produtivos, así como captar as súas necesidades asistenciais, culturais ou vitais máis inmediatas en función das súas preferencias e desexos.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións as entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, que a seguir se relacionan:

a) As entidades locais ou agrupacións delas que teñan a consideración de entidades locais de carácter rural e que desenvolvan proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural enmarcados no proxecto piloto Talento interxeracional a que se fai referencia no artigo 1 da orde.

Para os efectos da orde considéranse entidades locais de carácter rural aqueles concellos que contan con algunha zona, a nivel de parroquia, con baixa densidade de poboación (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística GU2016 (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Teñen a consideración de entidades locais de carácter rural todos os concellos galegos agás os concellos de Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

b) As entidades de acción voluntaria de carácter asociativo que desenvolvan proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural enmarcados no proxecto piloto Talento interxeracional a que se fai referencia no artigo 1 da orde.

Estas deberán desenvolver os ditos proxectos en calquera dos concellos galegos que teñan a consideración de entidade local de carácter rural consonte o disposto na letra a), sen necesidade de que a súa actividade principal ou sede social radique nalgún deles.

Orzamento

O financiamento destes proxectos efectuarase con cargo ao crédito consignado no orzamento de gastos da Consellería de Política Social e Xuventude por importe total de setecentos sesenta e un mil trescentos trinta e un euros con vinte céntimos (761.331,20 €) que se imputarán ás aplicacións orzamentarias 13.06.312F.460.0 para as actuacións subvencionables que desenvolvan as entidades locais, e 13.06.312F.481.0, para as que desenvolvan as entidades de acción voluntaria de carácter asociativo, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

As subvencións previstas na orde financiaranse con cargo aos recursos financeiros derivados do Instrumento europeo de recuperación (Next Generation EU), a través do Mecanismo de recuperación e resiliencia establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e quedan englobadas dentro do compoñente 22 «Plan de choque para a economía dos coidados e reforzo das políticas de inclusión», na liña de investimento C22.I2 Proxecto número 6 de innovación en materia de servizos socias.

Proxectos subvencionables e liñas obxecto de subvención

1. Para teren a consideración de subvencionables os proxectos deberanse desenvolver coa participación de persoas voluntarias a través de grupos interxeracionais, que estarán integrados por un sistema de parellas que estará formada por una persoa voluntaria de 55 anos ou máis e unha persoa voluntaria de 16 a 35 anos, sen prexuízo de integrar outras idades ata os 54 anos. A persoa voluntaria de 55 anos ou mais encargarase de titorizar a persoa voluntaria de 16 a 35 anos coa que forma o grupo interxeracional.

Ademais, as actuacións teñen que ir dirixidas a un ou varios dos seguintes obxectivos no ámbito territorial definido por concellos de carácter rural:

a) Deseño e estruturación dunha nova economía de coidados baseada na atención centrada na persoa.

b) Recuperación e/ou anovación de actividades e oficios relacionados coa produtividade da zona.

c) Impulso de novas iniciativas locais en materia de produción de produtos agroalimentarios de calidade e sustentables de cara a súa proxección no mercado.

d) Recoñecemento e posta en valor da riqueza ambiental, patrimonial ou turística da zona coas súas fortalezas e debilidades.

e) Deseño e estruturación de novos modelos dixitais ou tecnolóxicos que atendan as necesidades da zona ou que permitan mellorar os existentes.

2. Ademais do indicado no número anterior, para ter a consideración de subvencionables os proxectos non poden ser iguais aos presentados pola mesma entidade, no caso de haber outra convocatoria de axudas desta consellería en materia de voluntariado, e deberán desenvolverse integramente no ámbito territorial de entidades locais de carácter rural, entendendo por tales as que se indican no artigo 3 da orde.

3. Igualmente, para ter a consideración de subvencionables, os proxectos deberán contar cun mínimo de 4 persoas voluntarias, e de ser o seu número superior, a subvención prevista na orde só abranguerá 14 das persoas voluntarias que participen no proxecto sen prexuízo do disposto no punto 4 do artigo 4 da orde.

A participación de cada persoa voluntaria vai estar comprendida entre os 15 e os 60 días, sempre e cando non se superen as 6 horas diarias, no caso de participar en varios proxectos da mesma natureza financiados por esta consellería.

4. Son liñas subvencionables, e por tanto, nas cales deberán desenvolverse os proxectos que se presenten, as seguintes:

a) Liña 1. Coidados.

b) Liña 2. Agroalimentaria.

c) Liña 3. Protección do ambiente.

d) Liña 4. Turística.

e) Liña 5. Cohesión tecnolóxica e dixital.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 709029): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na dirección xeral competente en materia de voluntariado da Consellería de Política Social e Xuventude.

Descargas: