Subvencións para a promoción do uso da lingua galega. Prazo: 26-04-2024

Data: 

mércores, 27 Marzo, 2024 (Todo o día) a venres, 26 Abril, 2024 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

Orde do 13 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PL400A).

BDNS (Identif.): 750287.

Obxecto

O obxecto deste procedemento é establecer axudas para fomentar a prestación dun servizo lingüístico, mediante a súa creación ou o mantemento ou reforzamento dos existentes, ou promover a planificación e o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega, para o ano 2024, en concellos ou en agrupamento de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes (código de procedemento PL400A).

Con esta orde apróbanse as bases e convócanse estas axudas en réxime de concorrencia competitiva.

Persoas beneficiarias

1. As entidades locais de Galicia, excluídas as deputacións provinciais.

2. Os agrupamentos de concellos para a realización dun proxecto común. As súas entidades integrantes nomearán unha entidade representante única que actuará como coordinadora e interlocutora coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e que será a receptora da asignación económica.

3. Estes concellos ou agrupamento de concellos deberán ter unha poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes.

Contía

Importe total da convocatoria: 350.000 euros.

Modalidades de axuda

1. As modalidades que adopta esta subvención son as que se relacionan a seguir:

a) A creación dun servizo lingüístico, que inclúe a planificación e o desenvolvemento de actividades de dinamización lingüística.

b) O mantemento ou reforzamento dun servizo lingüístico, que inclúe a planificación e o desenvolvemento de actividades de dinamización lingüística.

c) O desenvolvemento de accións e programas de dinamización lingüística por unha entidade local carente de servizo lingüístico.

2. Cada entidade local ou agrupamento de concellos poderá solicitar unha única modalidade de axuda ao abeiro desta convocatoria e tendo en conta que a prestación de servizos lingüísticos, segundo o previsto nas alíneas a) e b) deste artigo, implica a planificación e o desenvolvemento de actividades de dinamización lingüística, as tres modalidades de axuda incluirán a súa realización. Para o caso das modalidades a) e b), relativas á creación dun servizo lingüístico, mantemento ou reforzamento daquel, consideraranse subvencionables, ademais dos gastos de persoal, os gastos que supoña a realización de accións ou actividades de dinamización lingüística.

3. Inadmitiranse as solicitudes de entidades locais ou de agrupamento de concellos que soliciten máis dunha modalidade de axuda e, así mesmo, as solicitudes presentadas por concellos agrupados cando non se acredite a realización conxunta de accións dinamizadoras ou a prestación de servizos lingüísticos comúns e compartidos nos concellos afectados.

4. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

5. Serán obxecto de subvención as actividades realizadas entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 2024.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Considerarase último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día do prazo for inhábil, prorrogarase ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 750287): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Sobre este procedemento administrativo poderase obter información adicional na Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (www.lingua.gal, epígrafe Convocatorias).

b) Nos teléfonos 881 99 63 25/881 99 63 31/881 99 63 23 da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

c) No enderezo electrónico: sxpl.subvencions@xunta.gal

d) En calquera das dependencias da Secretaría Xeral de Política Lingüística (na rúa de San Roque, 2, en Santiago de Compostela, ou nos gabinetes das xefaturas territoriais).

 

 

 

Descargas: