Subvencións para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida (programa FSE+ Galicia 2021-2027). Prazo: 03-03-2026

Data: 

mércores, 4 Febreiro, 2026 (Todo o día) a martes, 3 Marzo, 2026 (Todo o día)

 

Consellería de Política Social e Igualdade

Orde do 26 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento SI435A).

BDNS (Identif.): 884019.

Obxecto

1. A orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar no ano 2026 as subvencións ás entidades locais de Galicia, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, para o desenvolvemento de actuacións de promoción da igualdade entre mulleres e homes, e de prevención e tratamento da violencia de xénero, dirixidos a mulleres que pertenzan a colectivos en risco de exclusión ou estean nalgunha situación de vulnerabilidade, de cara a mellorar a súa situación persoal, social, laboral e profesional.

2. Só se pode presentar ou participar nunha solicitude de subvención, ben sexa individual ou ben conxunta. No caso de concorrencia de solicitudes, individuais e conxuntas ou de xestión compartida, terá lugar a inadmisión da solicitude individual e considerarase como efectiva a de xestión compartida.

3. A denominación e o código de procedemento correspondente a estas axudas é o seguinte: axudas e subvencións a entidades locais: Programa de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero (SI435A).

4. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde os concellos de Galicia, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos; as mancomunidades de concellos de Galicia e os consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal, sempre que reúnan os demais requisitos e as condicións establecidas nas bases reguladoras. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.

Importe

1. Para o financiamento das axudas previstas nesta convocatoria destínase crédito por importe total de seiscentos cincuenta mil euros (650.000 €) con cargo á aplicación 08.07.313B.460.0, co código de proxecto 2023 00095, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

2. Estas axudas están cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027 no obxectivo político 4: unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 2: inclusión social e loita contra a pobreza; obxectivo específico ESO4.8: fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular, para os colectivos desfavorecidos; e medida 2.H.03: Programa de atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

3. A contía máxima da axuda será de 15.000 euros, cando se trate dunha de solicitude individual, e de 28.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 884019): https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/884019

-Sobre o procedemento administrativo asociado a esta convocatoria poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través da:

Descargas: