Subvencións para programas de emerxencia social e inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión (Programa FSE+ Galicia 2021-2027). Prazo: 18-10-2023

Data: 

martes, 19 Setembro, 2023 (Todo o día) a mércores, 18 Outubro, 2023 (Todo o día)

 

Consellería de Política Social e Xuventude

Orde do 6 de setembro de 2023 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades locais para programas de emerxencia social e inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, para os anos 2023 a 2025, cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS623C). BDNS (Identif.): 716486.

Obxecto

O obxecto da convocatoria consistirá na concesión de subvencións ás entidades locais, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas ao desenvolvemento de programas polos servizos sociais de titularidade municipal durante os exercicios 2023, 2024 e 2025, que teñan por finalidade a inclusión sociolaboral de colectivos de elevada vulnerabilidade á exclusión social e laboral.

Entidades beneficiarias

1. Serán beneficiarias as entidades locais de ámbito municipal galegas que desexen implantar ou desenvolver algunha das actuacións mencionadas no artigo 1 das bases da convocatoria e que comprendan programas dirixidos á inclusión sociolaboral de colectivos vulnerables.

2. Enténdense incluídas no número anterior as mancomunidades de concellos e agrupacións de concellos baixo calquera fórmula, incluída a de fusión municipal.

Non obstante o anterior e con relación a aquelas solicitudes presentadas por calquera forma de agrupación de concellos, quedarán expresamente excluídas aquelas solicitudes en que non se acredite a realización conxunta do programa. Para estes efectos, considerarase que non queda suficientemente acreditado este criterio cando os usuarios participantes do programa estean empadroados nun único concello dos integrantes da devandita agrupación ou o servizo a estes non se preste a través dun único dispositivo. Esta última característica non será aplicable no caso de programas de natureza inequívoca e exclusivamente formativa.

3. En calquera caso, as entidades locais solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Aquelas entidades locais solicitantes de subvencións para un programa en favor da poboación inmigrante deberán acreditar unha porcentaxe mínima de poboación inmigrante empadroada, segundo as seguintes regras:

1º. Para os concellos: superar o 2,5 % de poboación inmigrante e un mínimo de 150 persoas inmigrantes empadroadas no concello. No caso de non cumprir a porcentaxe anterior, deberán ter polo menos 1.000 persoas estranxeiras empadroadas no municipio.

2º. Para os consorcios locais, mancomunidades e agrupacións de concellos: superar o 2,5 % de poboación inmigrante o 50 % dos concellos que integran a entidade supralocal e ter unha media de 200 persoas inmigrantes empadroadas.

O dito cálculo da poboación inmigrante farase tendo en conta a poboación total e a poboación inmigrante empadroada no ano anterior ao da correspondente resolución desta convocatoria.

c) As entidades locais solicitantes da subvención para un programa da tipoloxía recollida no artigo 4.1.c) dirixido a persoas en situación ou risco de exclusión social non poderán dispoñer, para o seu termo municipal, doutros dispositivos de natureza pública distintos dos propios dirixidos ao desenvolvemento dun programa cuxo contido sexa a prestación do servizo de apoio á inclusión sociolaboral.

4. As entidades solicitantes deberán manter os requisitos exixidos durante todo o exercicio económico para o cal se concede a subvención, excepto a porcentaxe de poboación sobre a poboación total empadroada.

Importe

1. O crédito total destinado ás actuacións ascende á cantidade de sete millóns seiscentos catorce mil cento oitenta euros (7.614.180,00 €), distribuído para os anos 2023, 2024 e 2025, que se imputarán ás aplicacións orzamentarias que se indican:

Aplicacións orzamentarias 2023 2024 2025 Total
13.03.312C.460.0 250.000,00 € 500.000,00 € 210.000,00 € 960.000,00 €
13.03.313C.460.1 400.000,00 € 680.000,00 € 280.000,00 € 1.360.000,00 €
13.03.313C.460.2 1.289.180,00 € 2.830.000,00 € 1.175.000,00 € 5.294.180,00 €
  1.939.180,00 € 4.010.000,00 € 1.665.000,00 € 7.614.180,00 €

 

Estas partidas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+), nunha porcentaxe do 60 %, a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e, en particular, dentro do obxectivo político 4: unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 2: inclusión social e loita contra a pobreza; obxectivos específicos ESO4.8: fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular para os colectivos desfavorecidos; ESO4.9: promover a integración socioeconómica dos nacionais de terceiros países, incluídos os inmigrantes, e ESO4.10: promover a integración socioeconómica das comunidades marxinadas, como os xitanos; e medidas 2.H.04: mellora da inclusión sociolaboral de persoas en situación ou risco de exclusión social a través de itinerarios integrados e personalizados de inserción que abranguen medidas de distintos ámbitos, 2.I.01: itinerarios ou programas de inserción sociolaboral que combinen varias medidas dirixidos a migrantes, e 2.J.01: realización de accións individualizadas de formación e acompañamento social dirixidas de forma específica, non exclusiva, á poboación xitana, respectivamente:

Liñas de financiamento Ano 2023 (€) Ano 2024 (€) Ano 2025 (€) Total (€)
Programas dirixidos á inclusión social da poboación xitana 400.000,00 680.000,00 280.000,00 1.360.000,00

Programas dirixidos á inclusión social da poboación inmigrante

250.000,00 500.000,00 210.000,00 960.000,00
Programas dirixidos a persoas en situación ou risco de exclusión social 539.180,00 1.100.000,00 455.000,00 2.094.180,00
Programas complementarios de educación e apoio familiar, dirixidos a familias en situación ou risco de exclusión social 500.000,00 1.200.000,00 500.000,00 2.200.000,00
Programas dirixidos a persoas sen fogar 250.000,00 530.000,00 220.000,00 1.000.000,00
Total 1.939.180,00 4.010.000,00 1.665.000,00 7.614.180,00

 

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 716486): http//www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Dirección Xeral de Inclusión Social.

 

Descargas: