SUBVENCIÓNS PARA OS OBRADOIROS DE EMPREGO DENTRO DOS PROGRAMAS MIXTOS DE EMPREGO E FORMACIÓN PARA O 2016. PRAZO: 25-02-2016

Data: 

xoves, 31 Decembro, 2015 (Todo o día) a xoves, 25 Febreiro, 2016 (Todo o día)

 

Consellería de Economía, Emprego e Industria 

ORDE do 29 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2016, das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade,

2. Os obradoiros de emprego configúranse como programa mixto de emprego e formación que ten por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten aos alumnos e alumnas participantes a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente con dito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza á súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

3. A programación dos obradoiros de emprego integrarase, na medida do posible e conforme aos itinerarios de inserción profesional que se definan, en proxectos que dean resposta ás demandas do mercado de traballo e sexan capaces de activar o desenvolvemento territorial, xerar riqueza e, consecuentemente, crear postos de traballo.

Beneficiarias da subvención: entidades promotoras.

1. Os proxectos de obradoiros de emprego poden ser promovidos por:

a) As entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración Local, cuxa titularidade corresponda integramente á mesma

b) Os consorcios locais previstos no artigo 149 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

2. As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos e, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2015 superior a 500 persoas no seu ámbito territorial.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude ou as actuacións previstas no proxecto engloben, cando menos a tres concellos limítrofes da mesma provincia ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos

3. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Persoas beneficiarias participantes.

1. Poderán ser persoas beneficiarias participantes neste programa aquelas que, estando desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, teñan unha idade igual ou superior aos dezaoito anos.

2. Para poder participar neste programa é imprescindible cumprir os requisitos establecidos na normativa reguladora do contrato para a formación e aprendizaxe, co obxecto de estar vinculada mediante un contrato de tales características ao obradoiro de emprego, durante toda a duración da etapa de formación en alternancia, de acordo co previsto no artigo 11. 2 e na disposición adicional segunda do Real decreto lexislativo 2/2015, de 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores.

3. Se a formación a impartir no proxecto vai dirixida á obtención de certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 2 ou 3, será necesario que o perfil dos alumnos se adecúe aos requisitos de acceso sinalados nos reais decretos que regulan ditos certificados.

Etapas e duración

1. Os obradoiros de emprego terán unha duración de seis meses, así como unha única etapa de formación en alternancia co traballo ou a práctica profesional, que tamén estará dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.

2. Transcorrido o prazo de duración previsto na resolución de aprobación do proxecto, o obradoiro de emprego considerarase finalizado.

3. A data límite para o inicio dos obradoiros de emprego será, con carácter xeral, o 30 de setembro de 2016.

Prazo 

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 248572.55 KB
PDF icon DOG Nº. 15 (Ano 2016)1.13 MB