SUBVENCIÓNS PARA O IMPULSO DA REDE DE MERCADOS EXCELENTES DE GALICIA E PARA A DINAMIZACIÓN E REVITALIZACIÓN DAS PRAZAS DE ABASTOS. PRAZO: 06-10-2022

Data: 

mércores, 7 Setembro, 2022 (Todo o día) a xoves, 6 Outubro, 2022 (Todo o día)

 

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

Orde do 19 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso da Rede de mercados excelentes de Galicia e para a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento IN223A). BDNS (Identif.): 646501.

Obxecto

A concesión de subvencións para o impulso da Rede de mercados excelentes de Galicia e para a dinamización e revitalización das prazas de abastos.

Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nas bases reguladoras:

a) Os concellos galegos que conten cun mercado co selo de mercado excelente outorgado de conformidade coa Orde do 4 de xaneiro de 2017 pola que se regula o procedemento para a obtención do selo de mercado excelente na Comunidade Autónoma de galicia, ou aqueles que estean no proceso para a súa obtención.

Os concellos deberán cumprir co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

b) As federacións e asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

En todo caso, as federacións e asociacións deberán ter unha antigüidade mínima de tres anos na data de publicación desta orde e estaren ao día na obriga de aprobación das contas anuais pola xunta directiva nos dous últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria.

Importe

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de 870.000,00 € que será imputado da seguinte forma:

a) Concellos:

Destinarase un crédito total de 600.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.751A.761.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

b) Federacións e asociacións de prazas de abastos e mercados:

Destinarase un crédito total de 270.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.751A.781.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, do seguinte xeito:

Federacións de asociacións de prazas de abastos 45.000,00 €
Asociacións de prazas de abastos 225.000,00 €

 

Actuacións subvencionables para os concellos

Liña 1. Impulso da Rede de mercados excelentes.

Consideraranse actuacións subvencionables as actuacións en mercados e prazas de abastos de Galicia que teñan concedido o selo de mercado excelente ou estean no proceso previo á súa obtención. En concreto:

1.1. Actuacións subvencionables nas prazas de abastos que teñan concedido o selo de mercado excelente:

Consideraranse actuacións subvencionables os investimentos en mercados e prazas de abastos que teñan concedido o selo de mercado excelente de acordo coa Orde do 4 de xaneiro de 2017 pola que se regula o procedemento para a obtención do selo de mercado excelente na Comunidade Autónoma de Galicia, e que constitúan un valor engadido neles, deberán ter prioridade as actuacións que respondan ás observacións realizadas pola auditoría que se realice conforme o artigo 5 da antedita orde.

Estas actuacións, se non estivesen aínda resoltas, deberán ser tidas en conta no conxunto das previstas na solicitude. Do contrario, deberá xustificarse na solicitude.

En todo caso, deberán incluír as accións de mentoring e as actuacións de formación dos/das praceiros/as establecidas na letra h) desta epígrafe.

En concreto, consideraranse actuacións subvencionables:

a) O acondicionamento das instalacións: mellora da imaxe, instalación de sistemas de climatización, instalación de sistemas de illamento térmico e/ou acústico que reduza o impacto de ruídos e establecemento de sistemas de recollida de auga.

b) A creación e/ou mellora de servizos para a clientela: servizo de carros da compra, adecuación e/ou creación de zonas de descanso tales como espazos infantís, salas de lactación e outros, creación dun servizo de repartición a domicilio con personal maker e instalación de consigna frigorífica e de servizo de cociñado de produtos.

c) A creación e/ou mellora doutros servizos: instalación de pantallas de información, servizo automático de quendas, planos de situación do edificio «Vostede está aquí» e rede wifi.

d) A loxística e comercialización dos produtos: creación dun packaging sostible propio do mercado adecuado ás características específicas dos produtos, incluídos os sistemas de envasado ao baleiro.

e) A creación ou mellora de aparcadoiros para vehículos e/ou bicicletas, sempre que sexan contiguos ás instalacións do mercado ou praza de abastos.

f) As actuacións de conservación, mantemento, reposición e mellora das instalacións e dos equipamentos.

g) A adquisición de equipamento persoal dos/das praceiros/as coa imaxe común e corporativa do mercado, cun investimento máximo subvencionable de 6.000,00 €.

h) As actuacións formativas e de asesoramento dirixidas ao mentoring comercial, ao aumento da rendibilidade do punto de venda a través de técnicas de visual merchandising, á colocación do produto e á atención á clientela, cun investimento máximo subvenionable de 5.000,00 €. Estas actuacións deberán recollerse nun proxecto que, en todo caso, concretará o número de horas, os obxectivos e os indicadores para a súa medición.

1.2. Actuacións subvencionables nas prazas de abastos que non dispoñan do selo de mercado excelente:

a) Concellos que teñan realizada a diagnose de situación e usos do mercado:

Consideraranse subvencionables as actuacións de preparación para a obtención do selo de mercado excelente.

Poderán acollerse ás actuacións desta epígrafe os concellos que teñan realizada a diagnose de situación e usos do mercado, co contido e alcance previstos na letra b), e acrediten mediante a presentación da ferramenta de autoavaliación contida no anexo II da Orde do 4 de xaneiro de 2017 acadar, polo menos, unha puntuación mínima de 12 puntos no conxunto dos compoñentes relativos ao estado do edificio contidos no capítulo 1 (ferramenta de avaliación da arquitectura).

En concreto, consideraranse actuacións subvencionables a execución de accións e medidas materiais baseadas na proposta de actuacións da diagnose de situación e usos do mercado previamente realizada.

En todo caso, deberán incluír:

• As accións de mentoring e as actuacións de formación dos/das praceiros/as, cun investimento máximo subvencionable de 5.000,00 €. Estas actuacións deberán recollerse nun proxecto que, en todo caso, concretará o número de horas, os obxectivos e os indicadores para a súa medición.

• As actuacións de rehabilitación e reforma construtiva da edificación que sexan necesarias para acadar a puntuación máxima (24 puntos) no antedito capítulo 1 (ferramenta de avaliación da arquitectura), cun investimento máximo para a elaboración da documentación técnica correspondente de 15.000,00 €.

b) Concellos que non teñan realizada a diagnose de situación e usos do mercado:

Considerarase actuación subvencionable a elaboración, por parte dunha empresa de consultoría especializada, da diagnose de situación e usos do mercado.

A diagnose de situación e usos do mercado deberá incluír os seguintes aspectos:

• Un estudo de mercado.

• Un estudo de impacto económico actual e potencial da praza de abastos na súa contorna.

• Unha recollida de percepcións e opinións sobre o mercado por parte dos/das praceiros/as e usuario/as.

• Unha descrición da oferta e da demanda, existentes e futuras, o nivel de ocupación e a diversidade, con inclusión dunha ficha individual dos postos activos do mercado, así como as posibles actuacións de mellora deste.

• Unha estratexia de optimización e redimensionamento de usos, de ser o caso.

• Unha avaliación dos procedementos administrativos relativos á adxudicación dos postos do mercado.

• Unha análise DAFO.

• Unha análise e proposta de actuacións necesarias para a obtención do selo de mercado excelente.

• A consignación, segundo a realidade existente, do anexo II (ferramenta de autoavaliación) da Orde do 4 de xaneiro de 2017 pola que se regula o procedemento para a obtención do selo de mercado excelente na Comunidade Autónoma de Galicia.

Liña 2. Equipamento comercial.

Consideraranse actuacións subvencionables a adquisición de equipamento comercial para uso dos/das praceiros/as que sexa indispensable para o desenvolvemento da súa actividade comercial. En concreto:

– A adquisición e instalación de equipamentos de frío industrial e outros equipamentos industriais ou tecnolóxicos.

– A adquisición e instalación de mostradores, vitrinas, expositores e armariños refrixerados.

En todo caso, os equipamentos comerciais deberán instalarse fixados ao chan ou paredes –exclúense os de carácter portátil– e deben contar coa máxima eficiencia enerxética dispoñible.

Os gastos subvencionables en adquisición de equipamento comercial requirirán en todo caso a realización da diagnose de situación e usos do mercado, nos termos previstos na liña 1, número 2, letra b).

Liña 3. Eficiencia enerxética.

Consideraranse actuacións subvencionables a implantación de medidas para un consumo mais eficiente dos recursos enerxéticos. En concreto:

– A instalación de sistemas de iluminación enerxeticamente eficientes.

– A instalación de portas de acceso de apertura e peche automáticos.

Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 646501): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal

-Na páxina web oficial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación http://ceei.xunta.gal/portada, na súa epígrafe de axudas.

-Nos teléfonos das xefaturas territoriais, A Coruña: 981 18 49 02/80, Lugo: 982 29 49 38/670 e Vigo: 986 81 75 57.

-Nos teléfonos da Dirección Xeral de Comercio e Consumo: 981 54 54 18 e 981 54 55 97.

-No enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.gal

Descargas: