Subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais, para a prórroga na contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local. Prazo: 06-11-2023

Data: 

venres, 6 Outubro, 2023 (Todo o día) a luns, 6 Novembro, 2023 (Todo o día)

 

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade  

Orde do 25 de setembro de 2023 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais, para a prórroga na contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, e se convoca para o ano 2023 (código de procedemento TR351B).

BDNS (Identif.): 719562.

Obxecto

Prórroga da contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, no ámbito de colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade coas entidades locais, a través dos programas de cooperación, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego na contorna local.

Entidades beneficiarias

Entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local, sempre que todas elas dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos e non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Definición e funcións das persoas contratadas como axentes de emprego e desenvolvemento local

1. As persoas contratadas como axentes de emprego e desenvolvemento local (en diante, AEDL) configúranse como persoal contratado das entidades locais ou entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local que teñen como misión principal colaborar na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial.

Esta colaboración na implantación das políticas activas de emprego desenvolvéraa a entidade contratante, para o que as persoas contratadas como AEDL analizarán a evolución e repercusión das medidas activas de emprego na súa zona de actuación, facilitándolle información puntual a aquela e colaborarán co resto dos integrantes da rede, na procura da mellora da súa calidade, intercambiando coñecementos e experiencias, así como desenvolvendo actividades e proxectos conxuntos.

2. As persoas contratadas como AEDL realizarán as seguintes funcións, tendo en conta a perspectiva de xénero:

a) Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados, de proxectos empresariais de promoción económica local e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego no ámbito local, identificando novas actividades económicas e posibles persoas emprendedoras, así como prospección das necesidades de persoal das empresas co obxecto de identificar novos nichos de emprego.

b) Difusión e estímulo de potenciais oportunidades de creación de actividade entre as persoas desempregadas, promotoras e emprendedoras, así como institucións colaboradoras, levando a cabo accións de sensibilización cara á promoción dunha maior conciencia empresarial como oportunidade de emprego.

c) Acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas xeradoras de novos empregos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e, en xeral, sobre os plans de lanzamento das empresas.

d) Apoio ás persoas promotoras das empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoas tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento, mediante a aplicación de técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos adecuados para contribuír á boa marcha das empresas creadas.

e) Calquera outra que contribúa á promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa creación de actividade empresarial.

Importe

Para a concesión destas axudas destínanse dous millóns douscentos mil euros (2.200.000 €).

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 719562): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social. 

-No Servizo de Apoio ao Emprego, Emprendemento e Economía Social das respectivas xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Descargas: