SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DA ACCESIBILIDADE E SINALIZACIÓN NOS RECURSOS TURÍSTICOS NO MEDIO RURAL. PRAZO: 18-04-2015

Data: 

xoves, 19 Marzo, 2015 (Todo o día) a sábado, 18 Abril, 2015 (Todo o día)

 

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos para o fomento da accesibilidade e sinalización nos recursos turísticos no medio rural, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se anuncia a convocatoria para o ano 2015.

Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento da accesibilidade e sinalización nos recursos turísticos no medio rural.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Son subvencionables as actuacións de mellora da accesibilidade física e sinalización nos seguintes recursos turísticos:

a) Espazos naturais: miradoiros e rotas de sendeirismo.

Están excluídos os seguintes:

• Recursos que se atopen na Rede Natura conforme o determinado no Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia.

• Proxectos que vaian ser financiados co Plan marco do programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2014/2015, financiado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

b) Praias marítimas e fluviais.

c) Bens de interese cultural (BIC).

Así mesmo, determínase a exclusión expresa da posibilidade de financiamento daquelas actuacións financiadas con cargo á orde pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan as subvencións para a creación e/ou mellora de infraestruturas e equipamentos vinculados á prestación de servizos básicos, destinados a concellos de Galicia, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia no marco da medida 321.33.

As actuacións obxecto da axuda comprenden as seguintes:

a) Construción, ampliación ou mellora de aparcadoiros para o acceso aos recursos definidos neste artigo.

b) Pavimentación dos accesos ao recurso, pasarelas, ramplas e eliminación de barreiras arquitectónicas.

c) Construción ou rehabilitación ou mellora das instalacións que contribúan a mellorar os accesos e circulación dos visitantes e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.

d) Rehabilitación ou mellora da accesibilidade dos espazos naturais e/ou dotación de equipamentos nestes.

e) Sinalización, información visual e información táctil. Está excluída a sinalización do Camiño de Santiago.

Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os requisitos establecidos nestas bases, os concellos que desenvolvan proxectos de accesibilidade e sinalización de recursos turísticos en territorio de Galicia, exceptuando as zonas incluídas nos perímetros urbanos, definidos como tales no planeamento urbanístico vixente, das cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

2. Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do concello.

Financiamento e concorrencia

1. As subvencións obxecto desta resolución imputaranse cun crédito de 1.333.333 € á aplicación orzamentaria 04 A2 761A 760.0, proxecto 2015 00014, cofinanciada nun 75 % por fondos Feader, 12,13 % con fondos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e un 12,87 % de fondos propios da comunidade autónoma, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán significar a subvención oportuna, de acordo coa orde de incoación dos expedientes.

Nestes casos o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria, sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.

2. A intensidade da axuda poderá acadar ata un máximo do 100 % do custo elixible (IVE excluído) subvencionable por entidade beneficiaria. A contía da axuda non superará o importe máximo de 50.000 €.

3. As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feader e, por tanto, serán incompatibles con calquera outra axuda que, para o mesmo proxecto ou finalidade, leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros...). Tamén serán incompatibles con outras axudas encadradas en calquera dos outros eixes do PDR.

4. Non obstante, é posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Para mais información:

Poñerse en contacto cos xefes de área das delegacións territoriais: 

Provincia de A Coruña - tfno.: 981 184674

Provincia de Lugo - tlno.: 982 294220

Provincia de Ourense - tfno.: 988 386069

Provincia de Pontevedra - tfno.: 886 206606

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 53941.03 KB