SUBVENCIÓNS PARA O DESENVOLVEMENTO DAS ACTUACIÓNS DO PLAN CORRESPONSABLES. PRAZO: 29-08-2022

Data: 

xoves, 28 Xullo, 2022 (Todo o día) a luns, 29 Agosto, 2022 (Todo o día)

 

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade 

Resolución do 14 de xullo de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades locais, a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro e a asociacións de pais e nais para o desenvolvemento das actuacións do Plan Corresponsables, e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento SI436A, SI436B e SI436C). BDNS (Identif.): 639925.

Obxecto

Esta resolución ten por obxecto regular a concesión de subvencións destinadas desenvolver e financiar o desenvolvemento do Plan Corresponsables, consistente en actuacións orientadas a facilitar a corresponsabilidade nas familias con fillas e fillos de ata 16 anos incluídos, mediante a creación de bolsas de coidado profesional, a creación de emprego de calidade no ámbito dos coidados e a formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados.

Procedementos e liñas de subvencións

Estas bases reguladoras contemplan os seguintes procedementos:

a) Liña de Plan Corresponsables no ámbito local, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida (código de procedemento SI436A).

b) Liña de Plan Corresponsables para desenvolver polas entidades de iniciativa social (código de procedemento SI436B).

c) Liña de Plan Corresponsables para desenvolver polas asociacións de nais e pais, de centros sostidos pola Xunta de Galicia, federacións e confederacións de nais e pais (código de procedemento SI436C).

Actuacións subvencionables

Considéranse subvencionables as actuacións orientadas a facilitar a conciliación das familias con fillas e fillos menores de ata 16 anos de idade mediante a creación de bolsas de coidado profesional, a través da creación de emprego de calidade no sector dos coidados e plans de formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias.

As actuacións destinaranse ao coidado de menores en familias con fillas e fillos de ata 16 anos incluídos, e con carácter prioritario en caso de vítimas de violencia de xénero en todas as súas manifestacións, especialmente cando teñan que acudir a interpoñer denuncias, procesos xudiciais, citas médicas e terapéuticas, ou outros trámites burocráticos; familias monoparentais; mulleres en situación de desemprego para realizar accións formativas ou procura activa de emprego; mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares en que existan outras cargas relacionadas cos coidados.

Ao abeiro do disposto na presente resolución, serán subvencionables as seguintes tipoloxías de proxectos:

1. Bolsas de coidado profesional de menores en familias con fillas e fillos de ata 16 anos de idade, coa posibilidade de desenvolver unha ou máis das seguintes modalidades:

a) Habilitación de servizos de coidado profesional de calidade, e con garantía de dereitos laborais dos profesionais que presten os seus servizos neste marco, de nenas, nenos, mozos e mozas de ata 16 anos de idade que poidan prestarse en domicilio por un número determinado de horas semanais.

b) Habilitación de servizos de coidado profesional de calidade, e con garantía de dereitos laborais dos profesionais que presten os seus servizos neste marco, de nenas, nenos, mozos e mozas de ata 16 anos de idade, que poidan prestarse en dependencias públicas convenientemente habilitadas para o efecto, tales como escolas, centros municipais, multiúsos, polideportivos, ludotecas, entre outros, cumprindo coas garantías sanitarias, así como coa normativa que lles sexa de aplicación.

2. Plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias: implementación de plans e actuacións de formación en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias, para promover a perspectiva de xénero e fomentar a corresponsabilidade no ámbito de coidados.

Importe

A contía da subvención que se concederá determinarase en función do número de persoas que se vaian contratar, de acordo aos perfís e requisitos establecidos nesta resolución, para desenvolver as bolsas de coidado e/ou os plans de formación recollidos no artigo 5 de accións subvencionables, tendo en conta os límites máximos da subvención establecidos para cada procedemento nos artigos 6, 7 e 8, respectivamente:

– Contía de ata 26.900,00 euros por persoa contratada a tempo completo, para o período desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2022, período subvencionable segundo a presente resolución, incluídas as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora.

a) Liña de Plan Corresponsables no ámbito local, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida (procedemento SI436A): importe máximo da axuda será de 150.000,00 euros, cando se trate dunha solicitude individual, e de 225.000,00 euros, no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.

b) Liña de Plan Corresponsables para desenvolver polas entidades de iniciativa social (procedemento SI436B): importe máximo da axuda de 20.000,00 euros.

c) Liña de Plan Corresponsables para desenvolver polas asociacións de nais e pais, de centros sostidos pola Xunta de Galicia, federacións e confederacións de nais e pais (procedemento SI436C): importe máximo da axuda de 20.000,00 euros.

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de seis millóns seiscentos noventa e dous mil douscentos setenta e tres euros con setenta e nove céntimos (6.692.273,79 euros) distribuídos en tres liñas, que se imputarán ás aplicacións orzamentarias seguintes do orzamento xeral da comunidade autónoma para o ano 2022, do proxecto de gasto 2021 00175 Plan Corresponsables:

a) Liña de Plan Corresponsables no ámbito local, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida (código de procedemento SI436A): crédito 2022 de 4.492.273,79 euros, aplicación 11.02.312G.460.1.

b) Liña de Plan Corresponsables para desenvolver polas entidades de iniciativa social (código de procedemento SI436B): crédito 2022 de 1.500.000,00 euros, aplicación 11.02.312G.481.2.

c) Liña de Plan Corresponsables para desenvolver polas asociacións de nais e pais, de centros sostidos pola Xunta de Galicia, federacións e confederacións de nais e pais (código de procedemento SI436C): crédito 2022 de 700.000,00 euros aplicación 11.02.312G.481.1.

As axudas dos tres programas son financiadas con fondos finalistas dos orzamentos xerais do Estado (PGE) procedente do Ministerio de Igualdade, no marco do Plan Corresponsables a través da liña de actuación 00524-Plan Corresponsables.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Máis Información

-Na Secretaría Xeral da Igualdade:  

-Nas unidades administrativas de Igualdade das delegacións territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade;

-Na páxina web oficial da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 639925): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

 

Descargas: