SUBVENCIÓNS PARA A EXECUCIÓN DE PROXECTOS AO ABEIRO DA SUBMEDIDA 19.2 (OPERACIÓNS CONFORME A ESTRATEXIA DE DESENVOLVEMENTO LOCAL PARTICIPATIVO) DA MEDIDA LEADER DO PDR DE GALICIA 2014-2020, PARA 2021 E 2022. PRAZO: 03-06-2021

Data: 

martes, 4 Maio, 2021 (Todo o día) a xoves, 3 Xuño, 2021 (Todo o día)

 

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural 

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2021 pola que se convocan subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.2 (apoio para a realización de operacións conforme a estratexia de desenvolvemento local participativo) da medida Leader do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades 2021 e 2022, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. BDNS (Identif.): 559824.

Obxecto

1. Esta resolución ten como obxecto convocar, en relación coa medida 19 (Leader) do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), con cargo ás anualidades 2021 e 2022, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións que corresponden coa submedida 19.2 do PDR (apoio para a realización de operacións conforme a estratexia de desenvolvemento local).

2. Esta convocatoria está sometida ás bases reguladoras das axudas que se tramiten ao abeiro da medida Leader (submedidas 19.2 e 19.4), cofinanciadas con Feader no marco do PDR de Galicia 2014-2020, que aprobou o Consello de Dirección da Agader, mediante o Acordo do 13 de decembro de 2019, e se publicaron mediante a Resolución do director xeral da Agader do 13 de decembro de 2019 (DOG núm. 246, do 27 de decembro) e que se modificaron mediante Acordo do Consello de Dirección da Agader, do 10 de marzo de 2021 (DOG núm. 53, do 18 de marzo).

3. O código do procedemento que corresponde a esta convocatoria é MR701D.

Beneficiarias

a) As persoas físicas ou xurídicas de carácter privado.

b) As entidades públicas de carácter local ou comarcal: concellos, mancomunidades, consorcios e entidades dependentes das anteriores.

c) As comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades.

Financiamento

1. O financiamento desta convocatoria no ano 2021 será de 5.200.000 € con cargo ás aplicacións orzamentarias da Agader 14.A1.712A.7600, 14.A1.712A.7700 e 14.A1.712A.7810 (aplicación orzamentaria 14.05.712A.732.09 da Consellería do Medio Rural, proxecto 2016-00221 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural).

Para atender os compromisos derivados desta convocatoria con cargo á anualidade 2022, prevese un importe de 7.800.000 €, que se imputarán con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia da citada anualidade 2022.

A concesión de subvencións ao abeiro desta convocatoria está sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

2. No marco da medida 19 (Leader), submedida 19.2 (apoio para a realización de operacións conforme a estratexia de desenvolvemento local), do PDR de Galicia 2014-2020, o crédito indicado está cofinanciado nun 75 % polo Feader, nun 2,5 % pola Administración xeral do Estado e nun 22,5 % pola Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As contías indicadas poderán incrementarse en función das solicitudes presentadas, sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo prevé o artigo 31 da LSG e o artigo 30 do Regulamento da dita lei, que se aprobou mediante o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), e deberase publicar no DOG o aludido incremento de contía.

4. A distribución dos importes para as anualidades 2021 e 2022 sinálase, globalmente e por cada un dos GDR, nos anexos I e II, respectivamente, desta convocatoria.

5. En relación cos importes consignados no citado anexo II, no cal se recolle a distribución económica por GDR, cómpre sinalar que os ditos importes poderán ser obxecto de redistribución entre os distintos GDR nos supostos de non rexistrarse solicitudes suficientes nalgún GDR ou se a calidade dos proxectos presentados neles non acada a puntuación mínima exixida para ser subvencionables.

Outros datos

Serán subvencionables proxectos de natureza produtiva que supoñan a realización dunha actividade económica con fins lucrativos. Tamén serán subvencionables proxectos de natureza non produtiva, consistentes na realización dunha actividade que sexa de interese público ou colectivo e que careza de finalidade lucrativa.

Na xestión destas axudas participan os grupos de desenvolvemento rural (GDR) que foron seleccionados como entidades colaboradoras da Administración para a xestión da medida 19 (Leader) do PDR de Galicia 2014-2020.

As persoas beneficiarias poderán solicitar un anticipo de ata un importe máximo do 50 % da subvención concedida.

Prazo de admisión de solicitudes de axuda

1. As solicitudes de axuda dirixiranse, tendo en conta a localización do investimento, ao GDR que corresponda e presentaranse no formulario e coa documentación previstos no artigo 9 das bases reguladoras a que está sometida esta convocatoria.

2. Segundo o establecido no artigo 34 das bases reguladoras, a persoa titular da Dirección Xeral da Agader, en previsión dunha ordenada xestión, execución e peche da medida Leader do PDR, poderá variar as datas sinaladas no calendario de xestión da medida Leader, así como fixar outras para axeitar o ritmo de execución de proxectos á proximidade das datas establecidas no dito calendario de xestión. Neste senso, establécese o prazo dun mes para a admisión de solicitudes de axuda, contado desde o día seguinte ao da publicación no DOG desta convocatoria.

 

Descargas: