SUBVENCIÓNS PARA ENTIDADES DE ACCIÓN VOLUNTARIA E ENTIDADES LOCAIS ENMARCADAS NO PROGRAMA SERVIZO DE VOLUNTARIADO XUVENIL PARA O ANO 2016. PRAZO: 28-04-2016

Data: 

martes, 29 Marzo, 2016 (Todo o día) a xoves, 28 Abril, 2016 (Todo o día)

 

Consellería de Política Social

ORDE do 11 de marzo de 2016 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2016, e proceder á súa convocatoria para o ano 2016. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia mozos/as galegos/as para a súa colaboración como voluntarias/os na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten ao abeiro desta convocatoria e dentro das áreas prioritarias a que se refire o parágrafo 3 deste artigo.

2. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

3. Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan mozos/as de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos; para os menores 18 anos precísase ademais autorización do pai/nai ou titor/a legal, e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, prioritaria pero non exclusivamente nalgunha das seguintes áreas:

1. Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.

2. Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.

3. Actividades con colectivos en situación de risco.

4. Actividades xuvenís.

5. Actividades ambientais.

6. Actividades relacionadas coa igualdade de xénero.

7. Posta en marcha de programas de voluntariado no ámbito familiar por parte das entidades.

4. Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días. As xornadas diarias serán de 6 horas como mínimo e se son inferiores sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 6 horas.

5. Os proxectos de acción voluntaria deberán contar cunha descrición exhaustiva destes conforme o anexo I, así como do número de persoas voluntarias con que se conta para a súa realización e a participación destas no desenvolvemento dos proxectos.

6. Non se subvencionarán máis de 8 persoas voluntarias por proxecto. Ao finalizar os proxectos, as persoas voluntarias que participaran neles obterán da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado un certificado de experiencias voluntarias, que será depositado no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. Excepcionalmente, nesta convocatoria poderán participar persoas voluntarias que xa colaboraran como voluntarias/os noutra convocatoria anterior do programa Servizo de voluntariado xuvenil.

7. As axudas poderán ser solicitadas por máis dunha entidade local conxuntamente baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar...). Tamén poderán solicitar axudas as entidades locais que sexan resultado dunha fusión doutras anteriores. Neste caso, poderanse subvencionar ata un máximo de 20 persoas voluntarias.

8. No caso de que a solicitude se presentase por varias entidades locais conxuntamente, os ditos concellos non poderán presentar solicitude de subvención a título individual para o mesmo ou distinto proxecto.

9. Se por causas xustificadas, expresamente e logo de comunicación, algunha das persoas voluntarias tivese que abandonar o proxecto subvencionable antes de que rematase este, terá que ser substituída por outra persoa voluntaria polo tempo restante, pero cada unha delas terá dereito ao aboamento dos gastos correspondentes polo tempo dedicado ao proxecto subvencionable de acordo co número 4 do artigo 5.

10. En caso de que haxa mozos/as maiores de 16 anos e menores de 18 que participen nos proxectos de acción voluntaria subvencionables deberá presentarse autorización do pai, nai ou titor legal. En caso de persoas voluntarias de nacionalidade distinta á española precísase, ademais, certificado de empadroamento nun concello de Galicia.

Beneficiarias/os

As/os beneficiarias/os das axudas serán as entidades de acción voluntaria e as entidades locais que realicen proxectos de voluntariado enmarcados no programa Servizo de voluntariado xuvenil, desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2016.

 Crédito total

1. As axudas faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 12.05.312F.460.0, por un importe de cento setenta e cinco mil euros (175.000 €), para entidades locais, e con cargo á aplicación orzamentaria 12.05.312F.481.0, por un importe de douscentos mil euros (200.000 €) para entidades de acción voluntaria, segundo o establecido na Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016. 

Finánciase o 100 % do proxecto, cuxo orzamento non poderá ser superior a 4.800 €.

2. Da contía prevista para entidades locais resérvase un 15 % para as solicitudes presentadas conxuntamente.

Prazo

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 58 - ORDE819.05 KB
PDF icon DOG Nº. 58 - EXTRACTO426.02 KB