SUBVENCIÓNS PARA ENTIDADES DE ACCIÓN VOLUNTARIA E ENTIDADES LOCAIS ENMARCADAS NO PROGRAMA SERVIZO DE VOLUNTARIADO XUVENIL. PRAZO: 18-05-2015

Data: 

sábado, 18 Abril, 2015 (Todo o día) a luns, 18 Maio, 2015 (Todo o día)

 

Consellería de Traballo e Benestar 

ORDE do 7 de abril de 2015 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil, desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2015, e proceder á súa convocatoria para o ano 2015. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia mozos/as galegos/as para a súa colaboración como voluntarias/os na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten ao abeiro desta convocatoria e dentro das áreas prioritarias ás cales se refire o parágrafo 3 deste artigo.

2. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

3. Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan mozos/as de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos -para os menores 18 anos precísase, ademais, autorización do pai/nai ou titor/a legal-, e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade autónoma de Galicia, prioritaria, pero non exclusivamente, nalgunha das seguintes áreas:

– Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.

– Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.

– Actividades con colectivos en situación de risco.

– Actividades xuvenís.

– Actividades ambientais.

– Actividades relacionadas coa igualdade de xénero.

– Posta en marcha de programas de voluntariado no ámbito familiar por parte das entidades.

4. Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días. As xornadas diarias serán de 6 horas como mínimo, e se son inferiores, sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 6 horas.

5. Os proxectos de acción voluntaria deberán contar cunha descrición exhaustiva conforme o anexo I, así como do número de persoas voluntarias con que se conta para a súa realización e a participación destas no desenvolvemento dos proxectos.

6. Non se subvencionarán máis de 8 persoas voluntarias por proxecto, que deberán manter a súa acción voluntaria durante toda a duración deste. Ao finalizar os proxectos, as persoas voluntarias que participasen neles obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado de educación non formal acreditativo da acción voluntaria desenvolvida.

7. As axudas poderán ser solicitadas por máis dunha entidade local conxuntamente baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, ou calquera outra similar...). Tamén poderán solicitar axudas as entidades locais que sexan resultado dunha fusión doutras anteriores. Neste caso, poderanse subvencionar ata un máximo de 20 persoas voluntarias.

8. No caso de que a solicitude a presenten varias entidades locais conxuntamente, os ditos concellos non poderán presentar solicitude de subvención a título individual para o mesmo ou distinto proxecto.

9. Se, por causas xustificadas, expresamente e logo de comunicación, algunha das persoas voluntarias tivese que abandonar o proxecto subvencionable antes de que remate este, terá que ser substituída por outra persoa voluntaria polo tempo restante, pero cada unha delas terá dereito ao aboamento dos gastos correspondentes polo tempo dedicado ao proxecto subvencionable de acordo co punto 4 do artigo 5.

Beneficiarias/os

As/os beneficiarias/os das axudas serán as entidades de acción voluntaria e as entidades locais que realicen proxectos de voluntariado enmarcados no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil, desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2015.

Requisitos das/os beneficiarias/os

1. Para poder ser beneficiarias/os destas axudas serán condicións imprescindibles:

– Que as entidades de acción voluntaria e as entidades locais estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, tamén poderán solicitar axudas as entidades non inscritas que, na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, teñan presentada solicitude de inscrición na sección de entidades do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

– Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os programas subvencionables na Comunidade autónoma galega a través de voluntarios ou voluntarias.

– Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias que participen no proxecto presentado, durante todo o tempo de execución deste.

2. As entidades locais con personalidade xurídica propia ás que se refire o título IV da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, precisan de inscrición como tal no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. En caso de agrupacións de municipios, todos e cada un deles deberán estar inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia para poder concorrer a esta convocatoria de subvencións.

3. Polo contrario, non poderán solicitar axudas aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 números 2 e 3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As entidades deberán manter os requisitos exixidos durante todo o período de realización do programa subvencionado.

5. As persoas voluntarias que colaboren nos proxectos subvencionables non poden ser as mesmas que xa concorresen á mesma convocatoria de subvencións en anos anteriores.

Crédito total

1. As axudas faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.06.312F.460.0, por un importe de douscentos mil euros (200.000 €), para entidades locais, e con cargo á aplicación orzamentaria 11.06.312F.481.0, por un importe de trescentos mil (300.000 €), para entidades de acción voluntaria, segundo o establecido na Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

2. Da contía prevista para entidades locais resérvase un 15 % para as solicitudes presentadas conxuntamente.

Prazo

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 72870.62 KB