SUBVENCIÓNS PARA A ELABORACIÓN E EXECUCIÓN DE DE PROXECTOS DE VOLUNTARIADO INTERXERACIONAL NO MEDIO RURAL VINCULADOS CO PROXECTO PILOTO TALENTO INTERXERACIONAL (PRTR). PRAZO: 27-10-2022

Data: 

mércores, 28 Setembro, 2022 (Todo o día) a xoves, 27 Outubro, 2022 (Todo o día)

 

Consellería de Política Social e Xuventude

Orde do 14 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais de Galicia para a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento BS508E). BDNS (Identif.): 649715.

Obxecto e finalidade

A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, polo procedemento de concorrencia competitiva, ás entidades de acción voluntaria, tanto ás de carácter asociativo como ás que teñan o carácter de entidades locais e agrupacións de entidades locais de Galicia, inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, para o financiamento da elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional, que conteñan actividades baseadas no recoñecemento da experiencia das persoas maiores que poidan servir como catalizador para fomentar as iniciativas das persoas máis novas, naqueles sectores e actividades que presenten maiores dificultades de remuda xeracional e que estean comprendidos nas liñas especificadas no artigo 6 desta orde, que permitan achegar novas oportunidades de emprego e asentamento poboacional ao territorio e que garantan, en todo caso, a consecución dos obxectivos marcados no Plan de recuperación, transformación e resiliencia dentro das políticas panca da nova economía dos coidados e políticas de emprego e, de xeito transversal, da axenda urbana e rural, da loita contra o despoboamento e desenvolvemento da agricultura, e proceder á súa convocatoria para os anos 2022 e 2023. A execución dos proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural terá como data límite o 20 de outubro de 2023.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións as entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia que a seguir se relacionan:

a) As entidades locais ou agrupacións delas que teñan a consideración de entidades locais de carácter rural e que desenvolvan proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural enmarcados no proxecto piloto Talento interxeracional a que se fai referencia no artigo 1 da orde.

Para os efectos da orde, considéranse entidades locais de carácter rural aqueles concellos que contan con algunha zona, no nivel de parroquia, con baixa densidade de poboación (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística GU2016 (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl), polo que teñen a consideración de entidades locais de carácter rural todos os concellos galegos agás Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

b) As entidades de acción voluntaria de carácter asociativo, que desenvolvan proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural enmarcados no proxecto piloto Talento interxeracional a que se fai referencia no artigo 1 da orde.

Estas deberán desenvolver os ditos proxectos en calquera dos concellos galegos que teñan a consideración de entidade local de carácter rural consonte o disposto na letra a), sen necesidade de que a súa actividade principal ou sede social radique nalgún deles.

Importe

A contía da axuda por proxecto será de 15.000 € para un proxecto en que participe o número mínimo de persoas voluntarias que se prevén na orde; o dito importe incrementarase linealmente atendendo ao número de persoas voluntarias previstas no proxecto ata a contía máxima de 25.000 €, que correspondería a un proxecto no cal participasen 14 persoas voluntarias.

No caso de presentación por máis dunha entidade local conxuntamente baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar) ou por entidades locais que sexan resultado dunha fusión doutras anteriores, os anteriores importes serán de 36.000 € para proxectos co número mínimo previsto na orde, que se incrementaría linealmente ata os 60.000 € para un proxecto en que participase un total de 42 persoas voluntarias.

Proxectos subvencionables e liñas obxecto de subvención

1. Para teren a consideración de subvencionables, os proxectos deberanse desenvolver coa participación de persoas voluntarias a través de grupos interxeracionais, que estarán integrados por un sistema de parellas en que cada persoa voluntaria de 55 ou máis anos se encargará de titorizar unha persoa voluntaria de 16 a 35 anos, sen prexuízo de integrar outras idades comprendidas ata os 54 anos.

Ademais, as actuacións teñen que ir dirixidas a un ou varios dos seguintes obxectivos no ámbito territorial definido por concellos de carácter rural:

a) Deseño e estruturación dunha nova economía de coidados baseada na atención centrada na persoa (ACP).

b) Recuperación e/ou renovación de actividades e oficios relacionados coa produtividade da zona.

c) Impulso de novas iniciativas locais en materia de produción de produtos agroalimentarios de calidade e sustentables de cara á súa proxección no mercado.

d) Recoñecemento e posta en valor da riqueza ambiental, patrimonial ou turística da zona coas súas fortalezas e debilidades.

e) Deseño e estruturación de novos modelos dixitais ou tecnolóxicos que atendan ás necesidades da zona ou que permitan mellorar os existentes.

2. Ademais do indicado no número anterior, para ter a consideración de subvencionables os proxectos deberán desenvolverse integramente no ámbito territorial de entidades locais de carácter rural, entendendo por tales as que se indican no artigo 3 da orde.

3. Igualmente, para ter a consideración de subvencionables, os proxectos deberán contar cun mínimo de 4 persoas voluntarias e, de ser o seu número superior, a subvención prevista na orde só abranguerá 14 das persoas voluntarias que participen no proxecto, sen prexuízo do disposto no punto 5. A participación de cada persoa voluntaria estará comprendida entre os 15 e os 60 días.

4. Son liñas subvencionables e, por tanto, nelas deberán desenvolverse os proxectos que se presenten, as seguintes:

a) Liña 1. Coidados.

b) Liña 2. Agroalimentaria.

c) Liña 3. Protección do ambiente.

d) Liña 4. Turística.

e) Liña 5. Cohesión tecnolóxica e dixital.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 649715): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na dirección xeral competente en materia de voluntariado da Consellería de Política Social e Xuventude.

Descargas: