Data:
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Orde do 25 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2026, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida (código de procedemento PR486A).
BDNS (Identif.): 896110.
Obxecto
Establecer as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2026, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas aos concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións de concellos, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.
Beneficiarios
Os concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións, que reúnan os seguintes requisitos:
Que teñan menos de 30.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.
Ter remitida a conta xeral do concello correspondente ao exercicio orzamentario de 2024 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
Importe
Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de tres millóns cincocentos mil euros (3.500.000,00 €).
Gastos subvencionables e requisitos dos proxectos
1. Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante, con posterioridade á presentación da solicitude da axuda, como consecuencia da realización dos proxectos de investimento indicados no artigo 1, acordes cos requisitos e criterios indicados neste artigo e que se destinen a:
a) Execución de obras e adquisición de equipamentos imputables ao capítulo VI do orzamento de gastos da entidade local, de conformidade coa clasificación económica establecida pola Orde EHA/3565/2008, do 8 de decembro, pola que se aproba a estrutura dos orzamentos das entidades locais.
Para estes efectos, só serán equipamentos subvencionables as subministracións de mobiliario xeral, de mobiliario e equipos de oficina, de equipamento informático e de equipamento audiovisual.
b) Custos directamente relacionados cos investimentos que se efectúen, tales como honorarios de arquitectura e enxeñaría. O importe total destes custos xerais non poderá superar o máximo do 12 % do investimento subvencionable.
2. En todo caso, os proxectos serán completos e de fase única, susceptibles da súa posta en servizo inmediata como consecuencia directa da execución do proxecto subvencionado. Non se admitirán a trámite os proxectos estruturados en fases nin fases de proxectos.
3. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta orde ou na normativa xeral de subvencións, en ningún caso serán subvencionables:
a) A adquisición de terreos.
b) Os gastos correntes en bens e servizos necesarios para o exercicio das actividades das entidades locais.
c) Os investimentos de carácter inmaterial non incluídos no número 2 deste artigo.
d) A adquisición de elementos decorativos ou ornamentais.
e) Os proxectos relacionados coa implantación de enerxías renovables ou coa prevención e extinción de incendios forestais.
f) As obras de reparación e de mantemento, como rozas e limpeza de gabias ou reparación de fochas en vías públicas; os proxectos de redes de luz pública que consistan unicamente na substitución de lámpadas ou luminarias, ou aqueles destinados á colocación, substitución ou reparación de elementos e pezas illadas en mobiliario ou equipamentos públicos.
g) Os investimentos que substitúan ou modifiquen outros financiados anteriormente ao abeiro desta liña de subvencións (PR486A), dos cales aínda non pasasen cinco anos desde a data de certificación do gasto.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 896110): https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/896110
-Na Dirección Xeral de Administración Local.

Sede Electrónica