Data:
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Orde do 14 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2025, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida (código de procedemento PR486A).
BDNS (Identif.): 810742.
Obxecto
Por medio desta orde establécense as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas aos concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións de concellos, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais (código de procedemento PR486A), que se indican a seguir:
1. Obras de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios, instalacións, ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos municipais, obras de adaptación para garantir que resulten accesibles e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.
Para os efectos desta orde, terán a consideración de edificio, instalación ou dependencia destinada á prestación dos servizos municipais aqueles relacionados co exercicio de calquera das competencias referidas no artigo 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, ou coa prestación dos servizos incluídos no artigo 26.1 da mesma lei.
2. Obras de acondicionamento de camiños públicos municipais e de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de prazas, parques, paseos e rúas.
3. Obras de instalación, ampliación ou mellora das redes de luz pública.
Beneficiarios
Os concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións, que reúnan os seguintes requisitos:
a) Que teñan menos de 30.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.
b) Que remitisen a conta xeral do concello correspondente ao exercicio orzamentario de 2023 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
Importe
Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de tres millóns cincocentos mil euros (3.500.000,00 €).
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 810742): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index
-Na Dirección Xeral de Administración Local.