Data:
Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación
Orde do 21 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a creación e o lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CO300H). BDNS (Identif.): 637108.
Obxecto
O obxecto é a creación e o lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural (código de procedemento CO300H).
Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que non concorra ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia situados en zonas rurais e cunha poboación inferior a 10.000 habitantes.
Os concellos deben cumprir co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro , polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
b) Grupos de desenvolvemento rural (GDR) recoñecidos polo Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), do 16 de novembro de 2016, polo que se resolve a convocatoria sobre a selección de estratexias de desenvolvemento local e de grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión da medida Leader de Galicia.
Actuacións subvencionables
1. Actuacións subvencionables:
Consideraranse actuacións subvencionables a creación e o lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural.
En todo caso, as plataformas de marketplace deberán estar baseadas nun proxecto de viabilidade comercial e incluír produtos agroalimentarios de orixe e elaboración galegas. As persoas comerciantes e os produtos deberán cumprir a normativa que en materia de comercio e sanidade sexa de aplicación para a venda de produtos agroalimentarios.
2. Gastos subvencionables:
Consideraranse gastos subvencionables:
a) O proxecto de viabilidade comercial elaborado por unha empresa de consultoría especializada de acordo co contido e as características establecidas no artigo 6 destas bases reguladoras.
b) O deseño e o desenvolvemento do marketplace: a inclusión e a xestión das tendas cos seus correspondentes usuarios/as, a inclusión e a xestión de catálogos en liña, a xestión de stocks e pedidos, a adaptación móbil coa tecnoloxía responsive, o proxecto de posicionamento orgánico SEO, o dominio e o aloxamento web dentro da Unión Europea.
c) As campañas de marketing e publicidade: a xestión SEM/Adwords, a xestión do social media, a fotografía e a descrición dos produtos e a creación de promocións e estratexias publicitarias e comerciais a través de medios e canles dixitais.
d) A xestión integral do marketplace: a comunicación coa clientela a través da multiexperiencia como chatboxs, asistentes virtuais ou redes sociais e a xestión dos pagamentos en liña a través de pasarelas de pagamento.
e) O deseño e a creación de produtos sustentables de packaging.
As plataformas de marketplace deberán ter un mínimo de 20 produtos á venda e reunir as características técnicas e as condicións legais previstas no anexo II.
Importe
Para a concesión destas subvencións destínase un crédito total de 350.000,00 €, que será imputado ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022:
Aplicación orzamentaria | Importe (€) | Beneficiarios |
06.03.751A.761.3 | 200.000,00 | Artigo 3.a) do anexo I |
06.03.751A.781.1 | 150.000,00 | Artigo 3.b) do anexo I |
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 637108): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index
-Sobre este procedemento administrativo, que ten o código CO300H, poderase obter información a través dos seguintes medios:
a) Na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal
b) Na páxina web oficial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación http://ceei.xunta.gal/portada, na súa epígrafe de axudas.
c) Nos teléfonos 981 54 55 25 e 981 54 55 97 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
d) No enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.gal