Subvencións para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga. Prazo: 26-02-2024

Data: 

xoves, 25 Xaneiro, 2024 (Todo o día) a luns, 26 Febreiro, 2024 (Todo o día)

 

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade 

Orde do 27 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga), e se aproba a súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR351F).

BDNS (Identif.): 739001.

Obxecto

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública das axudas e subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral (código de procedemento TR351F), e a aprobación da súa convocatoria para o ano 2024.

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde os concellos e as agrupacións de concellos baixo calquera fórmula, sempre que todos eles dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución do obxecto para o cal se concede a subvención.

2. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. En todo caso, a solicitude conxunta de subvención para o desenvolvemento dun servizo ou programa exclúe a posibilidade de solicitude individual.

Requisitos das obras ou servizos

As contratacións deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) En todo caso, as contratacións polas cales se conceda a subvención deberán ser para a realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social competencia das entidades locais.

b) Con independencia da duración do contrato, o período subvencionable para cada contrato será de nove meses. Os contratos deberán formalizarse no prazo e nos termos establecidos na resolución de concesión da subvención e, en todo caso, dentro do exercicio 2024.

Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a persoa responsable da respectiva xefatura territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade poderá autorizar a prórroga do dito prazo establecido na resolución de concesión, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

c) A selección de persoas traballadoras que se contraten será realizada pola entidade local beneficiaria, que actuará de conformidade cos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación. Tanto a oferta como o proceso de selección utilizarán unha linguaxe inclusiva, e porán especial atención á eliminación dos estereotipos e posibles condutas discriminatorias por razón de xénero.

d) As persoas traballadoras que se contraten deberán ser, en todo caso, persoas perceptoras da Risga e estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como persoas demandantes non ocupadas. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato. Terán preferencia, en todo caso, as persoas perceptoras da Risga que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, as maiores de 45 anos e as que teñan cargas familiares.

e) Calquera que sexa a entidade local que realice as contratacións, deberá solicitar as persoas demandantes non ocupadas necesariamente mediante a presentación da oferta específica do programa de contratación de persoas beneficiarias da Risga nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia. Excepcionalmente, mediante a autorización expresa da respectiva xefatura territorial, e logo da acreditación da condición de persoa beneficiaria da Risga por parte da entidade solicitante, poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal (persoas con discapacidade; persoas en risco de exclusión social; mulleres vítimas de violencia de xénero, de trata de seres humanos ou de explotación sexual).

f) Efectuada a selección das persoas traballadoras, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación utilizando necesariamente a modalidade de contrato de traballo vinculado a programas de políticas activas de emprego.

Importe

1. O importe da subvención que se concederá ás entidades beneficiarias será o equivalente ao necesario para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa desempregada contratada que reúna os requisitos establecidos no artigo 13 da presente orde, cos seguintes importes salariais máximos subvencionables:

Para os grupos de cotización 1 e 2: 18.703,12 €.

Para os grupos de cotización 3 a 7: 14.962,50 €.

Para os grupos de cotización 8 a 10: 11.893,32 €.

2. O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada. En todo caso, e con independencia da xornada de traballo a tempo completo ou a tempo parcial, a xornada de traballo subvencionable será, como máximo, do 75 % e non poderá, en ningún caso, ser inferior ao 50 %.

3. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Así mesmo, non computan as situacións con dereito a retribución en que non se presta servizo efectivo, como as ausencias ou as incapacidades temporais.

Para calcular os custos do persoal terase en conta o tempo de traballo efectivo, incluíndose as vacacións, os días de libre disposición, ou o tempo de asistencia a cursos de formación relacionados co posto de traballo.

4. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, coas que é compatible, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 739001): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Descargas: