SUBVENCIÓNS PARA A CONTRATACIÓN DE PERSOAL TÉCNICO PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE INFORMACIÓN, ORIENTACIÓN E PROSPECCIÓN DE EMPREGO NO 2016. PRAZO: 26-02-2016

Data: 

xoves, 31 Decembro, 2015 (Todo o día) a venres, 26 Febreiro, 2016 (Todo o día)

 

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 29 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2016.

Obxecto

Esta orde ten por finalidade o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións ás entidades que realicen accións de orientación profesional para o emprego e asistencia para o autoemprego articuladas en itinerarios personalizados de inserción profesional e dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, a través da contratación ou da prórroga da contratación de persoal técnico de información, orientación e prospección de emprego, no ámbito da colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria coas entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na mellora da empregabilidade e ocupabilidade das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Entidades beneficiarias. Requisitos

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas na presente orde:

a) As entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local, cuxa titularidade corresponda integramente á mesma, sempre que por si soas ou asociadas, teñan unha media de paro rexistrado no ano 2015 superior a 500 persoas ou formen parte dunha agrupación que comprenda, cando menos, a tres concellos limítrofes galegos (ou a dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos).

Neste caso, un mesmo concello non poderá presentar solicitude por si só e en agrupación a través de convenio de colaboración con outros.

b) As confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia, e as fundacións dependentes das anteriores con experiencia na realización de accións de información e orientación laboral.

c) As entidades sen ánimo de lucro especializadas en atención a persoas con discapacidade ou en situación de exclusión social, que realicen accións de información e orientación profesional de acordo co previsto nestas bases reguladoras e sempre que estean constituídas como centros colaboradores especiais de orientación, constando como tales na relación de entidades colaboradoras do Servizo Público de Emprego de Galicia ou, en caso contrario, xustifiquen a existencia dun colectivo cuantificable de persoas con discapacidade ou en situación de exclusión social que atender.

2. As entidades solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Dispoñer de locais con despacho ou despachos axeitados para a atención individual aos demandantes de emprego e que reúnan as condicións de accesibilidade e calidade necesarias para o correcto desenvolvemento das actividades descritas no artigo 3.

b) Dispoñer dunha conta de correo electrónico que actúe como caixa de correo do servizo (polo que na súa denominación deberá constar, necesariamente, o termo «orientación» e a denominación da entidade), para os efectos de realizar as comunicacións electrónicas coa entidade.

c) Dispoñer de conexión coa Rede corporativa da Xunta de Galicia vía internet. O hardware de comunicación que posibilite a conexión á Rede Corporativa da Xunta de Galicia terá que cumprir os estándares definidos polo organismo xestor da dita rede.

d) Dispoñer dun ordenador persoal con protocolo TCP/IP. A conexión do ordenador á Rede corporativa da Xunta de Galicia deberá ser exclusiva. Unha vez establecida esta, non se poderá acceder a el a través doutras canles de comunicación por elementos situados en redes alleas á propia entidade. A entidade para o seu acceso vía internet deberá dispor dunha IP fixa. Tanto o software de base instalado como as características do hardware da estación de traballo deberán posibilitar o correcto funcionamento da aplicación informática cliente do Servizo Público de Emprego de Galicia.

e) Dispoñer de acceso a internet e correo electrónico e aplicar medidas de seguridade de nivel medio no tratamento da información de carácter persoal; as entidades que teñan acceso a datos de nivel alto deberán contar coas medidas de seguridade acordes á información que tratan. Ademais, deberase contar con software antivirus debidamente actualizado e con mantemento periódico en todas as estacións de traballo que teñan acceso á Rede corporativa da Xunta de Galicia.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades que incorran en algunha das prohibicións que establece o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Contía das subvencións e período subvencionable

1. A contía máxima da subvención que se concederá será de 23.000 euros por cada persoa técnica de información, orientación e prospección de emprego contratada a tempo completo durante un período de 12 meses, tomando como referencia os custos de contratación totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social.

A citada contía máxima reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, no caso de que a prestación de servizos sexa a tempo parcial.

2. A contía máxima da subvención poderá incrementarse nun 15 por cento, no caso de solicitudes conxuntas aprobadas pola comisión de valoración, en virtude dos criterios establecidos no artigo 9.1.B.

3. O salario que percibirán as persoas contratadas como persoal técnico de información, orientación e prospección de emprego será aquel que corresponda legal ou convencionalmente e será acorde a súa categoría profesional e titulación.

Prazo

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

 

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 248523.64 KB
PDF icon DOG Nº. 16 (Ano 2016)860.46 KB