Data:
Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
ORDE do 28 de xaneiro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2015 para a adxudicación de equipamentos de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2007-2013.
Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e a súa convocatoria para o ano 2015.
O equipamento que se cederá distribúese nas seguintes liñas de axuda:
Liña 1: 40 vehículos todoterreo tipo pick-up.
Liña 2: 40 vehículos furgóns para transporte e loxística.
Liña 3: 40 remolques para a atención ás emerxencias.
Liña 4: 16 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate, das cales 8 son embarcacións de 3,95 a 4,5 metros de eslora e 8 de máis de 5,20 metros de eslora.
Liña 5: 30 esparexedores de sal adaptados a remolques ou vehículos todoterreo.
Liña 6: 20 remolques con carpa presurizadas para posto de mando avanzado.
O número de unidades de cada unha das liñas de axuda podería ser incrementado, en función dos resultados obtidos na licitación para a súa adquisición.
Beneficiarios
Poderán solicitar este equipamento os concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos que cumpran as seguintes condicións:
a) Que o solicitante teña unha agrupación de voluntarios de protección civil inscrita no rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo. ou que tivesen presentada oficialmente a solicitude de inscrición neste, quedando neste caso condicionada á concesión da subvención á efectiva inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como moi tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.
b) Ter presentadas as contas a que se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2013 no Consello de Contas de Galicia.
c) Que non teñan recibido axudas por parte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para o mesmo fin nos últimos tres anos para o equipamento da mesma tipoloxía.
d) No caso das mancomunidades ou agrupación de concellos os servizos de emerxencia e protección civil deberán prestarse de xeito mancomunado. A presentación de solicitude de forma conxunta e mancomunada é incompatible coas solicitude individual dos concellos que a compoñen.
Crédito
A adquisición do equipamento de emerxencias lévase a cabo mediante subministración por procedemento aberto suxeito a regulación harmonizada e foi cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), nun 80 %, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2007-2013, eixo 3, tema prioritario.53 «Protección de riscos», co cargo á aplicación orzamentaria 05 25 212A 624.0.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Descargas:
Arquivos | Tamaño |
---|---|
dog20.pdf | 777.81 KB |