SUBVENCIÓNS PARA A ADXUDICACIÓN DE EQUIPAMENTO DE EMERXENCIAS A CONCELLOS DE MENOS DE 50.000 HABITANTES, MANCOMUNIDADES OU AGRUPACIÓNS DE CONCELLOS GALEGOS. PRAZO: 14-05-2016

Data: 

venres, 15 Abril, 2016 (Todo o día) a sábado, 14 Maio, 2016 (Todo o día)

 

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 21 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2016 para a adxudicación de equipamento de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020. BDNS (Identif.): 303456.

Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamento de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con agrupación de voluntarios de Protección Civil (AVPC) inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e a súa convocatoria para o ano 2016.

O equipamento que se cede distribúese nas seguintes liñas de axuda:

Liña 1: 8 vehículos todo terreo tipo pick-up.

Liña 2: 16 remolques para a atención ás emerxencias.

Liña 3: 3 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate.

Liña 4: 16 remolques de salvamento e rescate.

Beneficiarios

Poderán solicitar este equipamento os concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos que cumpran as seguintes condicións:

a) Que o solicitante teña unha AVPC con voluntarios operativos e asegurados, inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, ou que tivese presentado nel oficialmente a solicitude de inscrición de nova AVPC, e neste caso a concesión da subvención queda condicionada á efectiva inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, o máis tardar, no último día do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter presentadas as contas a que se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2014 no Consello de Contas de Galicia.

c) Que non teñan recibido axudas da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para o mesmo equipamento nos últimos catro anos, incluído o 2016 de acordo co establecido no artigo 4.

d) No caso das mancomunidades ou agrupación de concellos, os servizos de emerxencia e protección civil deberán prestarse de xeito mancomunado. A presentación de solicitude de forma conxunta e mancomunada é incompatible coas solicitude individual dos concellos que a compoñen.

Crédito

A adquisición do equipamento de emerxencias lévase a cabo mediante subministración por procedemento aberto suxeito a regulación harmonizada e foi cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), nun 80 %, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020, eixe 5 «Promover a adaptación ao cambio climático e a prevención e xestión de riscos» e tema prioritario 5.2 «Fomento do investimento para facer fronte aos riscos específicos, garantindo unha resiliencia fronte a catástrofes co desenvolvemento sistemas de xestión de catástrofes», con cargo á aplicación orzamentaria 05 25 212A 624.0, código de proxecto 2016 00026. Para estes efectos tense tramitado con anterioridade o correspondente expediente de contratación número 2016-SUEI 01-02-03-04-EM (núm. de referencia contable 2015-05-1858), procedemento aberto e tramitación ordinaria, polo importe de 833.723,88 euros (IVE incluído) para a adquisición do equipamento sinalado no artigo 1 desta orde.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 71791.89 KB
PDF icon DOG Nº. 71 - EXTRACTO444.9 KB