SUBVENCIÓNS PARA ACTUACIÓNS DE REHABILITACIÓN PARA O ANO 2022 - PROGRAMA DE EDIFICACIÓNS E VIVENDAS DE TITULARIDADE MUNICIPAL CON DESTINO AO ALUGUEIRO SOCIAL (VI422F). PRAZO: 01-06-2022

Data: 

mércores, 9 Febreiro, 2022 (Todo o día) a mércores, 1 Xuño, 2022 (Todo o día)

 

Instituto Galego da Vivenda e Solo 

Resolución do 19 de xaneiro de 2022 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación para o ano 2022, Programa de edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugueiro social (código de procedemento VI422F). BDNS (Identif.): 608930.

Obxecto

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 20.000 habitantes para que poidan rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal e que as adxudiquen, en réxime de alugamento, a unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).

Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Contar con menos de 20.000 habitantes. Para estes efectos tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do Padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data de publicación da presente convocatoria.

b) Contar cun número de demandantes de vivenda inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu concello, cando menos igual ao de vivendas para as cales se solicita a axuda.

c) Ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano desta convocatoria no que o seu prazo de presentación estivese vencido.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria están recollidas na Resolución do 23 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal para destinalas ao alugueiro social (DOG núm. 5, do 11 de xaneiro de 2021).

Crédito orzamentario e contía das axudas

As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.760.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 630.000 euros para a anualidade 2022 e por importe de 1.470.000 euros para a anualidade 2023.

Actuacións subvencionables

1. Consideraranse actuacións subvencionables a execución de obras de rehabilitación en edificacións e en vivendas de titularidade municipal, que garantan o cumprimento dos requisitos básicos de funcionalidade, seguranza, habitabilidade e/ou a accesibilidade. Entre as condicións de habitabilidade poderanse contemplar a execución de medidas que eviten a entrada no edificio do gas radon ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.

2. As actuacións subvencionables incluirán, para os efectos de determinación do custo total das obras, as seguintes actuacións preparatorias: os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. Tamén serán subvencionables os gastos xerais de estrutura que inciden sobre o contrato, de conformidade co artigo 131 do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas: gastos xerais e beneficio industrial. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

Non obstante o anterior, non se aboarán as facturas correspondentes as obras executadas con anterioridade ao ano natural en que se publique a resolución de convocatoria. Exceptúanse as facturas correspondentes a actuacións preparatorias, as referidas a amoreamentos de material previos e/ou a pagamentos anticipados nos que a execución de obra se realice, igualmente, no ano natural en que se publique a resolución de convocatoria.

3. Para o caso de actuacións plurianuais é necesario que o inicio das actuacións se realice no exercicio 2022 e o importe do orzamento a executar nesa anualidade non supere o 15 % do orzamento total da actuación.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución de convocatoria no DOG e rematará o día 1 de xuño de 2022 e, en todo caso, no momento de esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria.

Descargas: