SUBVENCIÓNS A FESTIVAIS DO SECTOR AUDIOVISUAL CELEBRADOS EN GALICIA. PRAZO: 11-02-2022

Data: 

mércores, 12 Xaneiro, 2022 (Todo o día) a venres, 11 Febreiro, 2022 (Todo o día)

 

Axencia Galega das Industrias Culturais

Resolución do 16 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento CT215B). BDNS (Identif.): 603768.

Obxecto

1. O obxecto destas bases é regular ás subvencións establecidas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para o apoio á realización de festivais de cinema de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector, e proceder á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT215B).

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderanse por festivais aqueles certames, semanas e mostras que teñan por obxecto a promoción e difusión da produción cinematográfica e audiovisual e se celebren en Galicia.

Persoas beneficiarias

1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas e xurídicas privadas legalmente constituídas domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran os requisitos referidos no artigo 10.1 da Lei de subvencións de Galicia.

2. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

Requisitos dos festivais para optar ás axudas

1. Para optar a estas axudas os festivais terán que reunir os seguintes requisitos:

a) Celebrarse nas datas comprendidas entre o 1 de novembro de 2021 e o 31 de outubro de 2022, ambos os días incluídos.

Enténdense incluídos os festivais iniciados ata o día 31 de outubro do ano 2022 e que se desenvolvan máis do 50 % das actividades dentro deste período.

b) Ter unha duración mínima de 4 xornadas e realizar un mínimo de 20 proxeccións.

c) Ter realizado un mínimo de tres edicións consecutivas inmediatamente anteriores ao ano da convocatoria respectiva

d) Que a programación proposta para a edición obxecto de axuda conteña un mínimo dun 5 % de títulos ou 5 sesións de produción cinematográfica galega e/ou dirección galega.

e) Que acaden unha puntuación mínima na fase de valoración de 40 puntos. Resultarán excluídos de subvención os que no acaden a dita puntuación.

f) As actividades que se desenvolverán obxecto desta subvención non poden estar subcontratadas nin total nin parcialmente, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Importe

Destínase un crédito global de 210.000 euros, código de proxecto 2015-0003, repartido nas aplicacións orzamentarias seguintes:

10.A1.432B.460.0: 20.000 euros (entidades locais).

10.A1.432B.470.0: 20.000 euros (empresas).

10.A1.432B.481.0: 170.000 euros (asociacións).

A porcentaxe máxima de concesión de subvención a través da correspondente convocatoria a un festival non poderá exceder o 40 % do seu orzamento subvencionable cando o solicitante sexa unha entidade local e o 60 % cando o solicitante sexa unha entidade privada. Para as solicitudes conxuntas de entidades locais, ou solicitudes de entidades locais resultantes de fusión, a porcentaxe poderá alcanzar ata un máximo do 75 % do orzamento subvencionable.

A contía máxima que se poderá solicitar é de 40.000 euros.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: