Subvencións a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia para o ano 2025. Prazo: 16-01-2025

Data: 

martes, 17 Decembro, 2024 (Todo o día) a xoves, 16 Xaneiro, 2025 (Todo o día)

 

Axencia Galega das Industrias Culturais

Resolución do 18 novembro 2024 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT215B).

Finalidade

Determinar as condicións de concesión en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións establecidas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para impulsar o apoio á realización de festivais de cinema de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector e proceder á súa convocatoria para o ano 2025.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas e xurídicas privadas legalmente constituídas domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas.

Importe

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito global de 300.000 euros, código de proxecto 2015-00003, repartido nas aplicacións orzamentarias seguintes:

10.A1.432B.460.0: 50.000 euros (entidades locais).

10.A1.432B.470.0: 35.000 euros (empresas).

10.A1.432B.481.0: 215.000 euros (asociacións).

Proxectos subvencionables. Requisitos

1. Consideraranse proxectos subvencionables, para os efectos destas bases, os festivais que se desenvolvan en Galicia e que, reunindo as características descritas no artigo 1.2, cumpran os seguintes requisitos:

a) Celebrarse nas datas comprendidas entre o 1 de novembro de 2024 e o 31 de outubro de 2025, ambos os días incluídos.

Enténdense incluídos os festivais iniciados ata o día 31 de outubro do ano 2025 e que máis do 50 % das actividades se desenvolva dentro deste período.

b) Ter unha duración mínima de 4 xornadas e realizar un mínimo de 20 proxeccións.

c) Ter realizado un mínimo de tres edicións consecutivas inmediatamente anteriores ao ano da convocatoria respectiva.

d) Que a programación proposta para a edición obxecto de axuda conteña un mínimo dun 5 % de títulos ou 5 sesións de produción cinematográfica galega e/ou dirección galega.

e) Que acaden unha puntuación mínima na fase de valoración de 30 puntos, segundo o disposto no artigo 16, e quedarán excluídos de subvención os que non acaden a dita puntuación.

Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á realización do proxecto e se realicen dentro do período subvencionable, no período comprendido entre o 1 de novembro de 2024 e a data de remate da xustificación, o 31 de outubro de 2025, que é o período en que se poden celebrar os festivais, e se inclúan entre os seguintes:

1.1. Gastos relativos ás proxeccións presenciais: alugamento de espazos e equipamentos de proxección, son e iluminación, e outros que se poidan detallar e xustificar.

1.2. Gastos relativos á creación, desenvolvemento e xestión de contornas dixitais para a realización de actividades virtuais durante a celebración do evento: contratación de tecnoloxía, servizos de plataformas, aloxamento de espazos e outros que se poidan detallar e xustificar.

1.3. Xestión de películas: dereitos de exhibición, subtitulación estándar e transporte de copias.

1.4. Promoción e difusión: materiais de prensa e publicidade, contratación de espazos publicitarios, publicacións e outros relacionados que se poidan detallar e xustificar.

1.5. Xestión de invitados: loxística de traslados e aloxamentos en medios de transporte colectivo con pasaxes de turista ou equivalente e cun máximo de 130 euros por persoa e día en pernoctacións e manutención.

1.6. Galardóns en cuxa convocatoria e publicidade se constará a colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais: fabricación de estatuíñas, galardóns ou similares, e cantidades monetarias cun límite total de 4.000 euros, impostos e retencións fiscais incluídos, que se entreguen como premios do festival.

1.7. Gastos de persoal: serán subvencionables os gastos do persoal que teña subscrito un contrato específico, conforme unha categoría laboral asignada para a realización da actividade subvencionada, sempre que non superen o 40 % do orzamento total do certame. Cando exista unha relación mercantil entre a entidade solicitante e o persoal autónomo, deberá xuntarse o contrato correspondente e a súa factura; se a relación é laboral, deberá achegarse, xunto ao contrato, a nómina correspondente, con expresa indicación do réxime xeral da Seguridade Social. Nesta epígrafe inclúense, entre outras, as tarefas de dirección, programación e organización.

1.8. Gastos de servizos derivados directamente da execución do certame, entre outros os relacionados coa produción, servizo técnico, prensa e comunicación, protocolo e relacións públicas, presentación de contidos e aqueles non especificados que se poidan xustificar.

1.9. Gastos xerais non previstos entre os gastos anteriores e directamente relacionados coa actividade, co límite máximo do 10 % da suma destes.

Todos os gastos subvencionables deberán estar pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Máis Información

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: http://agadic.gal

b) Nos teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) No enderezo electrónico agadic@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

 

Descargas: