Data:
Axencia Galega das Industrias Culturais
Resolución do 4 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas e a súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT213A).
BDNS (Identif.): 755751.
Finalidade
Determinar as condicións que regularán a concesión de subvencións a festivais de artes escénicas de carácter profesional celebrados en Galicia que teñan un interese estratéxico para o sector.
Persoas beneficiarias
Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas e as súas agrupacións domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao espazo económico europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como entidades locais galegas sempre que cumpriran co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas que leven a cabo festivais obxecto da convocatoria e cumpran as condicións e criterios establecidos nestas bases.
Tamén poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas subvencións as asociacións, fundacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas que carezan de personalidade xurídica propia, tales como comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado.
Importe
Estas subvencións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Galega das Industrias Culturais asignados para esta finalidade no orzamento 2024 por importe de 280.000 euros, suma que irá a cargo das seguintes aplicacións orzamentarias do código de proxecto 2015-00003: un total de 30.000 € na aplicación 10.A1.432B.460.0, 60.000 € na aplicación 10.A1.432B.470.0 e 190.000 € na aplicación 10.A1.432B.481.0.
Proxectos subvencionables
1. Para poder optar a estas axudas, o festival obxecto da solicitude deberá cumprir cos seguintes requisitos:
– Debe celebrarse nas datas comprendidas entre o 1 de novembro do ano 2023 e o 31 de outubro do ano 2024. Enténdense incluídos aqueles festivais iniciados ata o 31 de outubro de 2024 que desenvolvan a maior parte da actividade neste período.
– Ter realizado un mínimo de 2 edicións, excluída a edición obxecto desta convocatoria.
– Debe ter un orzamento mínimo de contratación artística do 40 % do orzamento subvencionable.
– A programación de compañías maioritariamente compostas por artistas que desenvolvan principalmente a súa actividade profesional en Galicia debe representar, como mínimo, o 30 % do orzamento de contratación profesional artística do festival, agás no caso daqueles festivais que polas súas características intrínsecas non poidan acadar esta porcentaxe e así se xustifique debidamente na memoria do proxecto.
– Un mínimo do 60 % das representacións escénicas teñe que ser con entradas de pagamento, excepto os festivais de rúa.
– A programación debe estar conformada por un mínimo de seis compañías.
2. Sen prexuízo da posible presentación de máis dun proxecto distinto por unha mesma persoa solicitante, só poderá ser obxecto de subvención un proxecto por persoa solicitante.
Para estes efectos, deberase establecer unha orde de prelación sobre os proxectos presentados, que a Comisión de Valoración terá en conta no caso de que varios proxectos se consideren subvencionables. Non poderán presentar o mesmo proxecto distintas persoas solicitantes.
Gastos subvencionables
1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á realización do proxecto e se acredite o seu pagamento antes da data de xustificación: 15 de outubro de 2024 para aqueles festivais que finalicen antes do 30 de setembro e 15 de novembro de 2024 para os restantes.
2. Para os efectos desta convocatoria son gastos subvencionables:
– Gastos de promoción, difusión e publicidade.
– Alugamento de espazos, servizos e equipamentos técnicos.
– Cachés de compañías.
– Dotación de premios outorgados polo festival.
– Gastos de viaxes e aloxamento das persoas participantes nas actividades propostas, excluídas as manutencións.
– Gastos derivados da xestión dos dereitos de autor.
– Gastos xerais e de persoal asociados ao desenvolvemento do proxecto (ata un máximo do 30 % do proxecto presentado).
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 755751): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index
-Na Axencia Galega das Industrias Culturais:
a) Web: industriasculturais.xunta.gal
b) Teléfonos: 881 99 60 77/881 99 60 78.
c) Enderezo electrónico: agadic@xunta.gal
d) Persoalmente.
e) Guía de procedementos e servizos administrativos, no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos
Descargas:
Arquivos | Tamaño |
---|---|
DOG Nº. 81 - Subvencións a festivais de artes escénicas. | 736.74 KB |
DOG Nº. 81 - EXTRACTO - Subvs. a festivais de artes escénicas. | 356.25 KB |