Subvencións ás entidades locais para o apoio aos centros de información á muller (CIM), de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida. Prazo: 13-07-2026

Data: 

sábado, 13 Xuño, 2026 (Todo o día) a luns, 13 Xullo, 2026 (Todo o día)

 

Consellería de Política Social e Igualdade

Orde do 3 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para o apoio aos centros de información á muller (CIM), de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento SI427B).

BDNS (Identif.): 912139.

Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar no ano 2026 as subvencións ás entidades locais de Galicia, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, para o apoio aos centros de información á muller (en diante, CIM) acreditados segundo o establecido no Decreto 130/2016, do 15 de setembro, polo que se establecen os requisitos e o procedemento para o recoñecemento e acreditación dos centros de información á muller de titularidade das entidades locais de Galicia, así como para a modificación e extinción do seu recoñecemento (código de procedemento SI427B).

Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde os concellos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, as mancomunidades de concellos de Galicia e os consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal, sempre que reúnan os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.

Importe

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total de cinco millóns setenta e cinco mil cincocentos oito euros (5.075.508,00 €) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, distribuídos en dúas anualidades e que se imputarán ás aplicacións orzamentarias seguintes:

Aplicación Código de proxecto Importe 2026 (€) Importe 2027 (€) Total (€)
08.07.313B.460.0 2015 00144 3.045.508,00 1.800.000,00 4.845.508,00
08.07.313D.460.0 2015 00144 230.000,00 0,00 230.000,00
Total   3.275.508,00 1.800.000,00 5.075.508,00

2. A contía total máxima de axuda é de 52.000,00 euros, no caso de que se trate dunha solicitude individual, e de 120.000,00 euros, no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante dunha fusión de concellos.

Accións subvencionables e contía da axuda

1. As accións subvencionables comprendidas no programa de apoio aos CIM serán:

1.1. A existencia no cadro de persoal ou na relación de postos de traballo da entidade de prazas para persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido para prestar servizos no CIM, en concreto para os postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, técnicos/as ou axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Cando as prazas ou os postos antes referidos non estean ocupados con carácter definitivo por persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido, a entidade deberá presentar xustificación razoada da motivación que lle impide tal cobertura. Con carácter xeral, só se admitirá como xustificación a cobertura por persoal funcionario interino, baixas por enfermidade ou similares, as que deriven da aplicación da lexislación vixente, ou por estar en curso o proceso de oposición ou concurso correspondente.

1.2. A contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica, así como para levar a cabo as funcións de técnicos/as ou axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero, sempre que a entidade local non conte con persoal que preste servizos no CIM para realizar as correspondentes funcións.

2. Cada entidade local deberá solicitar axuda para os diferentes postos do CIM nunha única solicitude. En primeiro lugar, atenderase ao financiamento dos postos necesarios para o normal funcionamento do CIM, segundo o disposto no artigo 10 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro, e o crédito restante destinarase ao financiamento dos postos de técnicos/as ou axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

3. Serán gastos subvencionables os custos directos de persoal que desenvolva funcións no CIM nos termos establecidos no artigo 7 e segundo resulta do previsto neste artigo. Serán subvencionables os custos de persoal xerados entre o 1 de abril de 2026 e o 31 de marzo de 2027, ambos os dous incluídos.

As entidades beneficiarias deberán identificar e xustificar de maneira independente os gastos directos de persoal que se imputarán en cada exercicio. Os gastos de persoal correspondentes ao período comprendido entre o 1 de abril de 2026 e o 30 de novembro de 2026 imputaranse ao exercicio 2026, e os gastos correspondentes ao período comprendido entre o 1 de decembro de 2026 e o 31 de marzo de 2027, ao exercicio 2027.

4. Os tipos de axuda para o programa de apoio aos CIM serán:

4.1. Subvención aos postos de traballo ocupados por persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido vinculados ao CIM nos termos establecidos no Decreto 130/2016, do 15 de setembro:

a) Postos de dirección, asesoramento xurídico e atención psicolóxica. Cando a dedicación ao CIM sexa a tempo completo, a contía máxima da axuda será de ata 35.000 euros e cando sexa a tempo parcial será de ata 21.000 euros. En todo caso, a xornada da dirección do CIM terá que realizarse nos termos establecidos na alínea a) do artigo 10.1 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro.

b) Postos de traballo de técnicos/as ou axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero. O persoal que ocupe os ditos postos deberá cumprir cos requisitos de formación e experiencia establecidos no artigo 10.3 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro. Cando a dedicación ao CIM sexa a tempo completo, a contía máxima da axuda será de ata 29.000 euros e cando sexa a tempo parcial será de ata 17.500 euros.

4.2. Subvención aos postos ocupados por persoal laboral temporal e contratación mercantil vinculados ao CIM nos termos establecidos no Decreto 130/2016, do 15 de setembro:

a) Postos de asesoramento xurídico e atención psicolóxica. A contía máxima da axuda será de ata 16.500 euros por especialidade.

b) Postos de traballo de técnicos/as ou axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero. O persoal que ocupe os ditos postos deberá cumprir cos requisitos de formación e experiencia establecidos no artigo 10.3 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro. A contía máxima da axuda será de ata 14.000 euros.

5. A contía total máxima de axuda que se pode conceder ao abeiro do Programa de apoio aos CIM é de 52.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude individual, e de 120.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante dunha fusión de concellos.

6. O importe da subvención calcularase aplicando ao orzamento elixible presentado a porcentaxe que resulte da puntuación obtida segundo o establecido no artigo 14, cos límites de axuda máxima que correspondan segundo o indicado no número 4 ou, de ser inferior, da contía solicitada.

7. Procederá a minoración proporcional do importe da subvención concedida cando o orzamento elixible executado e xustificado, en cada un dos períodos previstos no número 3, teña un custo inferior ao inicialmente previsto tido en conta para o cálculo da contía concedida en cada un deles.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 912139): https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/912139

-Sobre o procedemento administrativo asociado a esta convocatoria poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos,

-Na Dirección Xeral de Promoción da Igualdade (Consellería de Política Social e Igualdade): 

 

 

 

Descargas: