SUBVENCIÓNS A ENTIDADES LOCAIS PARA ACTUACIÓNS DE ADECUACIÓN DAS PISTAS MULTIDEPORTE NOS CENTROS DE EDUCACIÓN INFANTIL E PRIMARIA E NOS CENTROS PÚBLICOS INTEGRADOS NON UNIVERSITARIOS. PRAZO: 27-06-2022

Data: 

xoves, 26 Maio, 2022 (Todo o día) a luns, 27 Xuño, 2022 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Educación e Universidade 

Orde do 11 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a entidades locais para actuacións de adecuación das pistas multideporte nos centros de educación infantil e primaria e nos centros públicos integrados non universitarios, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento ED500A). BDNS (Identif.): 627905.

Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para realizar actuacións de adecuación das pistas multideporte nos centros públicos de educación infantil e primaria e nos centros públicos integrados non universitarios de titularidade municipal, e proceder á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento ED500A).

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que reúnan os requisitos establecidos nestas bases.

2. Os requisitos para seren beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Financiamento

As subvencións obxecto desta orde financiaranse cun crédito total de 2.000.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 10.10.422A.760.0, código de proxecto 2022 00079, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán implicar a subvención oportuna.

Gastos subvencionables

1. Ao abeiro da presente orde, terán carácter subvencionable os gastos relativos ás actuacións de recuperación, mellora e adecuación de pistas multideporte nos centros públicos de educación infantil e primaria, e nos centros públicos integrados non universitarios de titularidade municipal radicados na Comunidade Autónoma de Galicia.

En todo caso, as actuacións deberán axustarse aos modelos tipo aprobados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que se publicarán na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, https://www.edu.xunta.gal/portal/

2. Terán o carácter de gastos subvencionables os seguintes:

a) Gastos necesarios para a axeitada execución das actuacións subvencionadas, incluíndo, de ser o caso, os gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, gastos notariais e rexistrais e os de peritaxe, sempre e cando sexan indispensables para a execución da intervención.

b) Gastos correspondentes a honorarios facultativos pola redacción dos proxectos técnicos precisos para adecuar os modelos tipos de proxectos a execución das actuacións, así como pola dirección facultativa das obras e o custo dos estudos necesarios para a súa realización. Estes custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen non poderán superar o 10 % do investimento subvencionable.

c) Os tributos serán gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

d) Os custos derivados do emprego de medios propios do Concello no desenvolvemento das actuacións subvencionadas, e custos indirectos imputables pola entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, sempre que se recollan no orzamento do proxecto para o que se solicita a subvención.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Descargas: