SUBVENCIÓNS ÁS ENTIDADES LOCAIS DE GALICIA PARA A PROMOCIÓN DO USO DA LINGUA GALEGA. PRAZO: 19-05-2016

Data: 

mércores, 20 Abril, 2016 (Todo o día) a xoves, 19 Maio, 2016 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 31 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega, e se procede á súa convocatoria (ED115A). BDNS (Identif.): 303814.

Obxecto

O obxecto desta orde é convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a fomentar a prestación dun servizo lingüístico, mediante a súa creación ou o mantemento ou reforzamento dos existentes, ou a promover a planificación e o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega, en concellos ou en agrupamentos de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes.

Beneficiarios

1. As entidades locais de Galicia excluídas as deputacións provinciais.

2. Os agrupamentos de concellos para a realización dun proxecto común. As súas entidades integrantes nomearán unha entidade representante única que actuará como coordinadora e interlocutora coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e que será a receptora da asignación económica.

Orzamento

O financiamento das axudas farase con cargo á partida orzamentaria 10.30.151A.460.0, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, por unha contía inicial máxima de 245.000 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias.

Modalidades de axuda

1. As modalidades que adoptan estas axudas son as que a seguir se relacionan:

a) Creación dun servizo lingüístico. As entidades locais ás cales lles fose concedida e percibisen unha subvención para a creación dun servizo lingüístico ao abeiro da convocatoria de 2015 non poderán acceder a unha axuda para a creación dun servizo lingüístico na presente convocatoria.

b) Mantemento ou reforzamento dun servizo lingüístico.

c) Desenvolvemento de dinamización lingüística dunha entidade local carente de servizo lingüístico.

Cada entidade local ou agrupamento de concellos poderá solicitar unha única modalidade de axuda ao abeiro desta convocatoria, desestimaranse as solicitudes que non cumpran este requisito. Así mesmo, tendo en conta que a prestación de servizos lingüísticos implica a planificación e o desenvolvemento de actividades de dinamización lingüística, todas as modalidades de axuda incluirán a súa realización.

2. Para os efectos desta subvención considéranse:

a) Servizo lingüístico: departamento técnico inserido na entidade local, dotado de recursos materiais e humanos, que ten as funcións de planificar, xestionar, executar e avaliar medidas e accións co obxectivo de incrementar o uso da lingua galega en todos os ámbitos de actuación da organización, tanto interna como externamente.

b) Creación dun servizo: contratación de persoal técnico en entidades locais que na data de publicación desta orde non estean dotadas de servizo lingüístico e, polo tanto, non conten con persoal contratado para este fin.

c) Mantemento dun servizo: dotación de continuidade a un servizo lingüístico creado con anterioridade á data de publicación desta convocatoria de subvencións. Considerarase nesta modalidade sempre que o servizo lingüístico estivese aberto ata o mes de outubro do ano inmediatamente anterior á publicación desta orde e retomada a súa ocupación dentro do primeiro trimestre da convocatoria anual.

d) Reforzamento dun servizo: incorporación de máis persoal técnico, mediante a súa contratación, a un servizo lingüístico xa existente na data de publicación desta convocatoria.

3. Serán obxecto de subvención as actividades realizadas entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 2016.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Considerarase último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día do prazo for inhábil, prorrogarase ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 741.26 MB
PDF icon DOG Nº. 74 - EXTRACTO424.99 KB