Data:
Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade
Orde do 19 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e da economía social, e se convocan para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento TR811A). BDNS (Identif.): 710119.
Obxecto e finalidade
Realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social.
Entidades beneficiarias
– As asociacións de entidades de economía social.
– Os concellos de Galicia, e as áreas metropolitanas, mancomunidades de municipios e os consorcios locais.
– As cámaras de comercio.
– As universidades.
– As fundacións e asociacións, e as organizacións profesionais, empresariais e sindicais.
As entidades beneficiarias deben ter formalizada a súa adhesión á Rede Eusumo mediante a subscrición de convenio de colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, nos termos previstos no artigo 13 do Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento, con anterioridade á publicación da orde de convocatoria.
Contía
O orzamento total ascende a seiscentos noventa mil euros (690.000,00 €), distribuído en dúas anualidades: anualidade 2023, 265.000,00 €; anualidade 2024, 425.000,00 €.
Unha vez acreditada a aceptación da subvención e logo de solicitude, poderase facer efectivo en concepto de pagamento anticipado ata un 80 % do importe da subvención.
Actividades subvencionables
Son subvencionables as actividades de carácter divulgativo, formativo e de asesoramento incluídas nas actividades xerais e nas actividades relativas aos sectores específicos que estean dirixidas a fomentar a economía social e o emprendemento nesta.
1. Actividades xerais de promoción da economía social.
a) Actividades de divulgación da economía social.
– Organización de actividades de difusión como charlas, xornadas, conferencias, simposios ou visitas formativas, así como calquera outra acción promocional que fomente o cooperativismo e a economía social. As charlas terán unha duración mínima de 2 horas e as xornadas terán unha duración mínima de 4 horas.
– Elaboración, publicación e difusión de estudos, informes, traballos de investigación, así como manuais, guías, unidades didácticas ou similares, sempre que sexan inéditos.
b) Actividades de asesoramento.
– Celebración de encontros e networking entre entidades de economía social, ou entre estas e outros actores económicos, dirixidas á mellora da xestión, os intercambios comerciais, a intercooperación para a posta en marcha de actividades, a obtención de financiamento e outras que contribúan de xeito directo á consolidación dos proxectos de economía social. Duración mínima de 2 horas.
– Actividades de asesoramento e acompañamento a grupos promotores ou a entidades de economía social preexistentes, para a posta en marcha de novos proxectos ou consolidación do negocio. Duración mínima de 7 horas.
c) Actividades de formación.
Organización de actividades formativas, tales como cursos e obradoiros, que teñan por obxecto dar a coñecer os principios e características propias da economía social ou dalgunha das tipoloxías de entidades que a conforman, mellorar o funcionamento das entidades e propiciar a súa consolidación e crecemento, así como formar o persoal responsable de titorías, especializado no asesoramento e acompañamento de proxectos. Os cursos terán unha duración mínima de 20 horas e 10 participantes.
2. Actividades relativas aos sectores específicos da economía social.
Son subvencionables as actividades de carácter divulgativo, de asesoramento e formativo que estean dirixidas a fomentar o emprendemento nos seguintes sectores específicos da economía social: economía dos coidados; agroalimentación, produtos locais e alimentación sustentable; economía circular e xestión de residuos; enerxías renovables e transición enerxética; industrias culturais; novas tecnoloxías; intelixencia artificial; transporte e mobilidade. A título orientativo as actividades poderán consistir en:
a) Actividades de divulgación.
Organización de actividades divulgativas como xornadas, conferencias, simposios, charlas, visitas formativas ou campañas de comunicación. Para dar a coñecer as oportunidades de negocio nos ámbitos da economía social propostos no marco dos principios da economía social. As charlas terán unha duración mínima de 2 horas e as xornadas terán unha duración mínima de 4 horas.
b) Xeración de novo coñecemento en economía social.
Elaboración, publicación e difusión de estudos, informes, traballos de investigación, así como materiais sobre algún dos seguintes ámbitos da economía social: economía dos coidados; agroalimentación, produtos locais e alimentación sustentable; economía circular e xestión de residuos; enerxías renovables e transición enerxética; industrias culturais; novas tecnoloxías e intelixencia artificial; transporte e mobilidade.
c) Formación para a creación e consolidación de proxectos de economía social.
Organización de actividades formativas, tales como cursos e obradoiros, que teñan por obxecto:
– Dar a coñecer os principios da economía social e a tipoloxía de entidades que a conforman como ferramentas para desenvolver novos modelos de negocio nos sectores específicos da economía social que se promoven nesta orde.
– Mellorar o funcionamento das entidades e propiciar a súa consolidación e crecemento.
– Formación específica nos ámbitos da economía social antes descritos para o persoal das entidades de economía social.
Os cursos terán unha duración mínima de 20 horas e 10 participantes.
d) Asesoramento e apoio a proxectos de economía social.
– Celebración de encontros e networking entre entidades de economía social, ou entre estas e outros actores económicos, para a posta en marcha de novos proxectos nalgún dos seguintes sectores específicos da economía social: economía dos coidados; agroalimentación, produtos locais e alimentación sustentable; economía circular e xestión de residuos; enerxías renovables e transición enerxética; industrias culturais; novas tecnoloxías e intelixencia artificial; transporte e mobilidade. Duración mínima de 2 horas.
– Actividades de asesoramento e acompañamento a grupos promotores para a posta en marcha de novos proxectos nos sectores específicos de interese para a economía social que se promoven: economía dos coidados; agroalimentación, produtos locais e alimentación sustentable; economía circular e xestión de residuos; enerxías renovables e transición enerxética; industrias culturais; novas tecnoloxías e intelixencia artificial; transporte e mobilidade. Duración mínima de 7 horas.
e) Difusión e visibilización da economía social.
Organización de eventos como a celebración de feiras, mostras e congresos para visibilizar os sectores específicos da economía social: economía dos coidados; agroalimentación, produtos locais e alimentación sustentable; economía circular e xestión de residuos; enerxías renovables e transición enerxética; industrias culturais; novas tecnoloxías e intelixencia artificial; transporte e mobilidade.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo xeral para a presentación das solicitudes de axuda é un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Máis Información
-Na base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 710119): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans
-Na Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.