Subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á execución de actuacións para reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipais en concellos e EELL menores. Prazo: do 20-05-2026 (9:00 h) ao 22-06-2026 (14:00 h)

Data: 

mércores, 20 Maio, 2026 (Todo o día) a luns, 22 Xuño, 2026 (Todo o día)

 

Augas de Galicia

Resolución do 24 de abril de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á execución de actuacións para reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipais en concellos e entidades locais menores da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas nun 70 % pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 con carácter plurianual (código de procedemento AU300D).

BDNS (Identif.): 903576.

Obxecto

Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións que permitan reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipais en concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes e entidades locais menores da Comunidade Autónoma de Galicia, e convocar estas subvencións para o ano 2026 con carácter plurianual (2026-2027) (código de procedemento AU300D).

Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos que teñan unha poboación total inferior a 20.000 habitantes e as entidades locais menores, e que sexan responsables de sistemas de saneamento.

No caso concreto das entidades locais menores, poderán ter a condición de entidades beneficiarias sempre que sexan titulares da rede de saneamento sobre a que se pretenda actuar ou teñan delegadas as competencias municipais en materia de saneamento.

Importe

As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por un importe de dous millóns cincocentos trinta e un mil douscentos oitenta e seis euros con sesenta e seis céntimos (2.531.286,66 €) e serán cofinanciadas nun 70 % pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

O importe da subvención será do 100 % do gasto subvencionable, excluído o imposto sobre o valor engadido (IVE), co límite máximo de corenta e cinco mil euros (45.000,00 €) por solicitude, ata o esgotamento do crédito.

Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2026 destinados á execución das actuacións incluídas na auditoría municipal das redes de saneamento que teña aprobada a entidade local, sempre que a auditoría municipal da rede de saneamento aprobada polo concello ou entidade local menor conte cun plan de actuacións para reducir as infiltracións na rede de saneamento municipal no cal se recolla toda a información xerada, a análise e interpretación dos resultados obtidos, o inventario das deficiencias detectadas e as propostas de medidas correctoras para a súa emenda, priorizadas e valoradas técnica e economicamente. En todo caso, o beneficiario non poderá ter executado na súa totalidade o proxecto e pagado o investimento subvencionable antes da solicitude da subvención.

2. Subvencionaranse tanto os investimentos realizados na execución de obras como os gastos asociados a estas: honorarios de redacción do documento técnico, honorarios en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial e honorarios na dirección dos traballos, podendo ser o total dos honorarios ata un máximo do 10 % da subvención.

3. En ningún caso se considerará gasto subvencionable, ademais dos gastos recollidos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os recollidos no artigo 64 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, coas especificacións recollidas. En particular, non se considerará gasto subvencionable o imposto sobre o valor engadido.

Tampouco será subvencionable a mesma actuación cando fose solicitada de maneira simultánea polo concello e a entidade local menor en que se sitúe esta.

Así mesmo, non serán subvencionables aqueles proxectos que xa fosen executados ao abeiro da Resolución do 28 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións para reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipais en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 con carácter plurianual (código de procedemento AU300D) (DOG núm. 71, do 11 de abril de 2025).

4. Os gastos subvencionables clasifícanse en custos directos, é dicir, aqueles que se poden asignar de maneira clara ás unidades que constitúen o proxecto e que se determinan con base no seu custo real, e custos indirectos, que non poden vincularse directamente á actividade subvencionada pero resultan necesarios par a súa execución (tales como gastos administrativo ou subministracións) e que se determinan con base no método de custos indirectos simplificados establecido no artigo 54.a) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, sobre disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro a la xestión de fronteiras e a política de visados.

5. En aplicación da opción de custos simplificados prevista no artigo 54.a) do citado Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, os custos indirectos do proxecto fíxanse no importe resultante de aplicar un tipo fixo do 3 % sobre os custos directos subvencionables recollidos no punto 2 deste artigo.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 20 de maio de 2026 e rematará ás 14.00 horas do día 22 de xuño de 2026.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 903576): https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/903576

-Na Dirección de Augas de Galicia.

 

Descargas: