Data:
Escola Galega de Administración Pública
Resolución do 24 de abril de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2026, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (código de procedemento PR780A).
BDNS (Identif.): 903270.
Obxecto e réxime de concesión das subvencións
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e efectuar a convocatoria das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación para o emprego promovidos polas entidades locais e federacións ou asociacións de entidades locais de Galicia para o ano 2026, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (AFEDAP), as cales se tramitarán co código de procedemento PR780A.
Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias da liña en réxime de concorrencia competitiva das subvencións convocadas os concellos, as deputacións provinciais e demais entidades locais recoñecidas no artigo 2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, que promovan plans de formación para o persoal empregado público, de carácter unitario ou agrupado, dentro do ámbito do AFEDAP.
De conformidade co establecido no artigo 6, segundo parágrafo, do AFEDAP, só poderán ser beneficiarias da liña en réxime de concorrencia non competitiva das subvencións convocadas as asociacións ou federacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia lexitimamente constituídas ao abeiro do previsto no artigo 120 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
Non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións aquelas entidades en que concorra algunha das circunstancias ou prohibicións indicadas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, como nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de que as entidades non están incursas nas prohibicións ou circunstancias relacionadas nos ditos artigos realizarase mediante declaración responsable, a través dos anexos I, IV e VI, segundo corresponda.
Contías e crédito orzamentario
A asignación para as subvencións obxecto desta convocatoria para o exercicio 2026 establécese en 756.659,23 euros.
O importe distribúese do seguinte xeito:
| Descrición | Aplicación orzamentaria | Importe | Entidades beneficiarias |
| Liña en concorrencia competitiva |
10.81.122B.460.1 Fondo finalista do Estado |
593.421,23 € | Entidades que presenten plans de formación unitarios e/ou agrupados |
| Liña en concorrencia non competitiva |
10.81.122B.481.0 Fondo finalista do Estado |
163.238,00 € | Entidades que presenten plans de formación interadministrativos |
Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria.
Actividades obxecto de financiamento
As entidades promotoras recollidas na base quinta desta resolución poderán solicitar subvencións para financiar os seguintes tipos de plans:
1. Plans unitarios: caracterízanse por afectar o persoal dunha soa entidade local con, polo menos, 200 efectivos.
2. Plans agrupados: son aqueles que afectan o persoal de dúas ou máis entidades locais que agrupen, polo menos, 200 efectivos. Poderán ser formulados, ben polas propias entidades locais das cales dependa o persoal, ben por federacións ou asociacións de entidades locais. En todo caso, cada entidade local só poderá participar nun único plan agrupado.
3. Plans interadministrativos: son aqueles destinados non só ao persoal da Administración promotora, senón tamén ao persoal empregado público doutras administracións. Estes plans só poderán ser elaborados polas asociacións ou federacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia lexitimamente constituídas ao abeiro do previsto no artigo 120 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, tanto individualmente por iniciativa propia como mediante as adhesións dos concellos e deputacións provinciais que o desexen.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, que comezará a computar transcorridos cinco (5) días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día de inicio do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o día hábil seguinte, ás 9.00 horas, e rematará ás 20.00 horas do día en que se cumpra o prazo dun mes.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 903270): https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/903270
-Na Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

Sede Electrónica