SUBVENCIÓNS A EELL DE GALICIA E AOS SEUS ENTES INSTRUMENTAIS PARA UNHA MELLOR ATENCIÓN DAS NECESIDADES BÁSICAS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS DO RÉXIME DE PROTECCIÓN TEMPORAL AFECTADAS POLO CONFLITO EN UCRAÍNA. PRAZO: 20-02-2023

Data: 

venres, 20 Xaneiro, 2023 (Todo o día) a luns, 20 Febreiro, 2023 (Todo o día)

 

Consellería de Política Social e Xuventude 

Orde do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións a entidades locais de Galicia, e/ou aos seus entes instrumentais, co obxecto de promover e fomentar unha mellor atención das necesidades básicas das persoas beneficiarias do réxime de protección temporal afectadas polo conflito en Ucraína que carezan de recursos económicos suficientes, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS631F). BDNS (Identif.): 670254.

Obxecto

O obxecto da convocatoria é a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia, e/ou aos seus entes instrumentais, para promover e fomentar unha mellor atención das necesidades básicas das persoas beneficiarias de protección temporal afectadas polo conflito de Ucraína que carezan de recursos económicos suficientes.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades locais de Galicia, e/ou os seus entes instrumentais, que entre o 24 de febreiro de 2022 e o 31 de decembro de 2022, ambos inclusive, realizasen actuacións dirixidas a asegurar a satisfacción das necesidades básicas das persoas beneficiarias de protección temporal afectadas polo conflito de Ucraína que carezan de recursos económicos suficientes, e que as ditas actuacións supuxesen, para a entidade local beneficiaria, un incremento nos seus gastos correntes e/ou de persoal.

Importe

A concesión das subvencións obxecto desta convocatoria farase con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.312C.460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023 por un importe de 755.842,34 euros procedentes de financiamento estatal a través do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Actuacións subvencionables

1. Son actuacións subvencionables os incrementos de gastos correntes e de persoal, levados a cabo polas entidades locais de Galicia, e/ou os seus entes instrumentais que teñan por obxecto:

a) O reforzamento dos servizos de información e orientación que facilite o acceso equitativo aos recursos sociais e aos servizos públicos ou, de ser o caso, a creación de novos dispositivos para este fin.

b) A prestación de servizos de aloxamento e/ou manutención ás persoas beneficiarias de protección temporal afectadas polo conflito de Ucraína que carezan de recursos económicos suficientes nos aloxamentos alternativos en situacións de crise persoal ou familiar, que poderán ser de carácter temporal ou indefinido, de acordo coas circunstancias que o determinen.

c) A prestación de axudas económicas destinadas ás persoas beneficiarias de protección temporal afectadas polo conflito de Ucraína que carezan de recursos económicos suficientes, como complemento ás prestacións básicas de aloxamento e manutención.

d) A prestación de servizos de conciliación, lecer e tempo libre.

e) A prestación de servizos de aprendizaxe das linguas oficiais de Galicia.

f) Aqueles gastos de xestión que, sen estaren directamente relacionados nas alíneas a), b) e c), sexan estritamente necesarios para realizar tales actuacións. Os concellos beneficiarios poderán destinar ata un 10 % da totalidade da contía que lles corresponda por esta subvención a financiar eses gastos.

2. Considéranse financiables as actuacións realizadas entre o 24 de febreiro de 2022 e o 31 de decembro de 2022, ambos inclusive. Para estes efectos, entenderanse realizadas cando se devindicasen nese período e estean pagadas antes do 6 de febreiro de 2023.

3. Só serán financiables as actuacións previstas neste artigo que estean destinadas a persoas empadroadas no municipio que solicita a subvención, beneficiarias do estatuto de protección temporal que carezan de recursos económicos suficientes de conformidade co Real decreto 1325/2003, do 24 de outubro, polo que se aproba o Regulamento sobre réxime de protección temporal en caso de afluencia masiva de persoas desprazadas, e pola Orde PCM/170/2022, do 9 de marzo, pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros, do 8 de marzo de 2022, polo que se amplía a protección temporal outorgada en virtude da Decisión de execución (UE) 2022/382 do Consello, do 4 de marzo de 2022, a persoas afectadas polo conflito en Ucraína que poidan atopar refuxio en España.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 670254): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Dirección Xeral de Inclusión Social da Consellería de Política Social e Xuventude.

Descargas: