SUBVENCIÓNS DO PROGRAMA DE FOMENTO DO PARQUE DE VIVENDA EN ALUGAMENTO DO PLAN ESTATAL DE VIVENDA 2018-2021. PRAZO: 30-08-2021

Data: 

mércores, 30 Xuño, 2021 (Todo o día) a luns, 30 Agosto, 2021 (Todo o día)

 

Instituto Galego da Vivenda e Solo 

Resolución do 16 de xuño de 2021 pola que se convocan para o ano 2021, con carácter plurianual, as subvencións do Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento do Plan estatal de vivenda 2018-2021 (código de procedemento VI432C). BDNS (Identif.): 571846.

Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2021, con carácter plurianual, as subvencións do Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento previstas no capítulo V do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021), que se tramitará co código de procedemento VI432C.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) As persoas físicas maiores de idade que posúan a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, que teñan a residencia legal en España.

b) As administracións públicas, os organismos públicos e demais entidades de dereito público e privado, así como as empresas públicas, privadas, público-privadas e sociedades mercantís participadas maioritariamente polas administracións públicas en cuxo obxecto social figure a promoción de vivendas.

c) As fundacións, as empresas de economía social e as súas asociacións, as cooperativas de autoconstrución, as organizacións non gobernamentais e as asociacións declaradas de utilidade pública, e aquelas a que se refire a disposición adicional quinta da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

2. As persoas ou entidades beneficiarias deberán atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas persoas ou entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou que se lles revogase ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dalgunha axuda prevista neste ou no anterior plan estatal de vivenda por incumprimento ou causa imputable a aquelas.

4. No suposto de fundacións de interese galego, para ter a condición de beneficiaria será requisito necesario que presentase as contas ao protectorado do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria, segundo o establecido no artigo 38.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. No suposto de concellos, para ter a condición de beneficiario será requisito necesario que o concello presentase no Consello de Contas as contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria, conforme o artigo 208 e seguintes do texto refundido da Lei reguladora de facendas locais, aprobado por Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo.

Requisitos e prazo para a execución das actuacións

1. Poderán obter financiamento con cargo ás axudas deste programa as promocións que reúnan os requisitos exixidos polo ordinal décimo primeiro da Resolución do 6 de xuño de 2019.

2. O número mínimo de vivendas que deberán ter as promocións financiadas con cargo a este programa será de cinco.

3. As actuacións obxecto de financiamento non poderán estar iniciadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2021 nin estar finalizadas con carácter previo á publicación desta resolución no DOG.

4. O prazo para executar as obras correspondentes ás actuacións financiadas con cargo a esta convocatoria non poderá exceder os 18 meses, contados desde a data de notificación da citada resolución de concesión e, en todo caso, non poderá exceder o 30 de novembro de 2022.

Importe

1. A contía das axudas será proporcional á superficie útil de cada vivenda e será a seguinte, en función da modalidade escollida:

a) A contía das axudas directas será de ata un máximo de 350 euros por metro cadrado de superficie útil de vivenda. A contía máxima desta subvención non poderá superar o 50 % do investimento da actuación, cun límite máximo de 36.750 euros por vivenda.

b) A contía das axudas directas será de ata un máximo de 300 euros por metro cadrado de superficie útil de vivenda. A contía máxima desta subvención non poderá superar o 40 % do investimento da actuación, cun límite máximo de 31.500 euros por vivenda.

2. Para a determinación da contía da axuda non se terá en conta a superficie útil dos garaxes nin dos rochos.

3. O investimento da actuación estará constituído por todos os gastos inherentes á promoción de que se trate, excepto impostos, taxas e tributos. Inclúense o custo do solo, da edificación, os gastos xerais, os informes preceptivos, o beneficio industrial e calquera outro necesario, sempre e cando todos eles consten debidamente acreditados. No caso de actuacións de rehabilitación, non se admitirá a inclusión do custo do solo. No suposto das vivendas ou promocións proseguidas, non se admitirá a inclusión do custo do solo nin das partidas executadas con anterioridade á prosecución.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no DOG.

Descargas: