SUBVENCIÓNS DO FONDO DE COMPENSACIÓN AMBIENTAL PARA O ANO 2022. PRAZO: 25-02-2022

Data: 

mércores, 26 Xaneiro, 2022 (Todo o día) a venres, 25 Febreiro, 2022 (Todo o día)

 

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2022, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (códigos de procedemento PR483A, PR483B, PR483C e PR483D). BDNS (Identif.): 606442.

Obxecto

Regular os criterios de repartición e establecer as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2022, en réxime de concorrencia non competitiva e concorrencia competitiva, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, afectadas á realización de gastos que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego.

Beneficiarios

– Convocatoria de subvencións de natureza non competitiva: aqueles concellos de Galicia cuxo territorio municipal estea dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico e, igualmente, os afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación, relacionados no anexo V desta orde.

– Convocatoria de subvencións de natureza competitiva:

a) Os concellos de Galicia que formulen petición de maneira individual.

b) Os concellos de Galicia que formulen petición de maneira conxunta mediante agrupacións ou asociacións de concellos, nos termos do artigo 9.

c) As mancomunidades de concellos de Galicia.

d) Os consorcios locais de Galicia, constituídos de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, sempre que estean participados por un ou varios concellos.

Quedan expresamente excluídas as deputacións provinciais.

Importe

Para o financiamento da convocatoria de subvencións destínase un total de 7.715.174,00 euros.

Gastos subvencionables

1. Considéranse gastos elixibles ou subvencionables:

a) Os investimentos en inmobilizado: custo de man de obra externa, execución material, equipamentos e instalacións. Cando no investimento participe directamente persoal da entidade local imputaranse os gastos correspondentes ao persoal utilizado.

b) Custos de proxecto e dirección de obra, de tratarse de contratacións externas.

c) Custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do ambiente e do espazo natural. No caso de utilizar persoal da entidade local, imputaranse os gastos correspondentes ao persoal utilizado.

d) Contratación de persoal para os servizos municipais nos termos desta orde.

2. Considéranse tamén gastos subvencionables:

a) Os contratos de subministración para a adquisición de equipamentos, produtos, vehículos ou bens mobles.

b) Os gastos de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais e os gastos periciais para realizar o proxecto subvencionado, se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.

c) Os tributos, sobre todo o imposto sobre o valor engadido (IVE), son subvencionables se o beneficiario os aboa efectivamente. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

d) Os custos indirectos formarán parte da xustificación da subvención, sempre que os imputase o beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, de acordo con principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

3. En todo caso, as subvencións están destinadas á realización de actuacións de investimento e a custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do ambiente e do espazo natural, e deberán responder a algún dos seguintes criterios ou obxectivos:

a) Actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, ao coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e mais á recuperación do medio natural degradado ou contaminado.

b) Actuacións de impulso da eficiencia e de utilización sustentable das enerxías renovables.

c) Outras actuacións de protección do ambiente e do espazo natural.

4. Para os efectos do previsto neste artigo, considerarase que atenden aos criterios determinados nas letras a), b) e c) do ordinal terceiro anterior, entre outros, os seguintes proxectos:

a) Campañas divulgativas, plans e proxectos ambientais:

1. Campañas de sensibilización sobre boas prácticas ambientais.

2. Campañas de divulgación de medidas de aforro e eficiencia enerxética no ámbito doméstico e comercial.

3. Guías de boas prácticas sobre a implantación de pautas e accións para o aforro e a eficiencia no uso da enerxía.

4. Edición de material divulgativo e recursos didácticos sobre valores ambientais ou espazos naturais.

5. Auditorías enerxéticas en edificios e dependencias das entidades locais.

6. Certificación enerxética de edificios municipais.

7. Plans para a implantación de estratexias enerxéticas municipais.

b) Proxectos de eficiencia enerxética na luz pública e de redución da contaminación lumínica e protección dos ceos nocturnos.

c) Mellora da eficiencia enerxética das instalacións e edificios municipais e utilización de enerxías renovables:

1. Mellora da eficiencia enerxética da envolvente do edificio: illamento en cubertas e fachadas, ventás e acristalamentos con boas características térmicas.

2. Mellora da iluminación interior: instalación de sistemas de regulación e control da iluminación; lámpadas, luminarias e equipamentos auxiliares de maior eficiencia enerxética.

3. Climatización interior: instalación de sistemas centralizados de calefacción, sistemas de regulación de temperatura interior, illamento dos circuítos de distribución.

4. Instalación de caldeiras de biomasa e paneis solares térmicos.

5. Sistemas de aforro de auga: mecanismos de dobre descarga en sanitarios, billas monomando con limitador de caudal, perlizadores e aireadores.

6. Instalación de ascensores eficientes.

d) Adquisición de equipamento de alta eficiencia enerxética: equipamentos de climatización, ofimáticos, iluminación interior.

e) Adquisición de vehículos:

1. Vehículos con distintivo ambiental cero emisións ou eco: vehículos eléctricos, híbridos enchufables e non enchufables, gas natural ou GLP.

2. Vehículos destinados a actuacións de protección do ambiente e do espazo natural, incluídas aquelas actuacións que teñen por obxecto a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou risco.

3. Vehículos para a recollida e traslado de residuos.

f) Edificios e infraestruturas destinados á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais:

1. Centros de interpretación do ambiente e aulas da natureza.

2. Paseos, áreas recreativas e rutas de sendeirismo que se localicen ou transcorran por zonas con valores ambientais.

g) Actuacións nos núcleos rurais para unha mellor integración paisaxística no contorno natural:

1. Soterramento dos tendidos aéreos de cables.

2. Construción de pavimentos exteriores a base de materiais ambientalmente sustentables: lousa, pedra ou madeira.

h) Proxectos e actuacións no ámbito municipal para evitar a degradación e a deterioración ambiental:

1. Equipamento para a recollida da fracción resto dos residuos domésticos.

2. Proxectos de saneamento, redes de sumidoiros e de abastecemento de augas.

3. Maquinaria e equipamento para a protección do ambiente e do espazo natural.

4. Recuperación de espazos ambientalmente degradados ou contaminados.

5. Obras en edificios municipais para fomentar a redución ou mitigar os riscos derivados da exposición ao gas radon.

i) Proxectos e actuacións para o control ambiental no ámbito municipal, tales como a adquisición de equipamento para efectuar as medicións relacionadas con actividades molestas e insalubres, incluídos sonómetros, e para a toma de mostras, tanto sólidas como líquidas, no caso de residuos e verteduras.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: