SUBVENCIÓNS DESTINADAS Á MELLORA DA ACCESIBILIDADE NOS EDIFICIOS E ESPAZOS DE USO PÚBLICO, COFINANCIADAS POLO PROGRAMA FEDER GALICIA 2014-2020. PRAZO: 08-09-2016

Data: 

martes, 9 Agosto, 2016 (Todo o día) a xoves, 8 Setembro, 2016 (Todo o día)

 

Consellería de Política Social 

ORDE do 21 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos galegos, destinadas á mellora da accesibilidade nos edificios e espazos de uso público, cofinanciadas polo programa operativo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017. BDNS (Identif.): 314345.

Obxecto

Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria das subvencións destinadas aos concellos galegos para a execución de obras de mellora para garantir a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas e de obras e intervencións para eliminar as barreiras de comunicación en edificios destinados á prestación de servizos públicos, así como tamén nos espazos públicos, e a adquisición e instalación de equipamento para garantir a accesibilidade nos ditos edificios e espazos.

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios destas subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As entidades solicitantes deberán ter a titularidade ou ter a dispoñibilidade xurídica e material para realizar as obras ou intervencións subvencionables. En ningún caso poderán adquirir a condición de beneficiarios os concellos propietarios dun edificio en que presten servizos outras entidades públicas ou privadas cando, por disposición legal ou acordo entre as partes, quedase establecida a obriga de realizar as reformas, obras ou intervencións de adaptación pola entidade xestora.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Actuacións subvencionables

1. Ao abeiro desta orde considéranse subvencionables, e de acordo co establecido no artigo 1, a execución de obras de mellora para garantir a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas e de obras e intervencións para eliminar as barreiras de comunicación en edificios destinados á prestación de servizos públicos e tamén nos espazos públicos, así como a adquisición e instalación de equipamento para garantir a accesibilidade nos ditos edificios e espazos, tales como:

a) No exterior dos edificios: proxectos destinados a crear itinerarios accesibles e comprensibles, tales como a instalación de vaos, ramplas non mecánicas ou pasamáns.

b) Na comunicación vertical dos edificios: ascensores ou ramplas, plataformas elevadoras, pasamáns e, excepcionalmente e debidamente xustificado, ramplas non mecánicas ou pasamáns.

c) Nas plantas dos edificios: itinerarios accesibles desde o acceso á planta coas zonas de uso público.

d) Dotación de espazos e elementos accesibles tales como: prazas de aparcamento, aseos, vestiarios, puntos de atención, punto de chamada ou servizos hixiénicos.

e) Sinalización de espazos e elementos accesibles, e instalación de mecanismos e alternativas técnicas que fagan accesibles os sistemas de comunicación e sinalización á toda a poboación, tales como cartelaría con braille e altorrelevo, pictogramas, lectura fácil, bucles magnéticos ou pantallas de información.

f) Ascensores e plataformas elevadoras de carácter urbano.

g) Vestiarios, guindastres piscina, mostradores, máquinas expendedoras, aparellos telefónicos accesibles, caixeiros e outros elementos interactivos, sinalética.

h) Mobiliario urbano tales como semáforos sonoros, contedores, papeleiras, fontes, bancos, puntos de información, paradas de autobuses, marquesiñas.

i) Ramplas mecánicas urbanas e escadas mecánicas urbanas.

Poderán admitirse outras actuacións non recollidas neste número sempre que se especifique e xustifique a súa vinculación coa mellora da accesibilidade do edificio e/ou espazo urbano.

En todo caso, calquera das actuacións subvencionables recollidas neste número, deberá axustarse á normativa vixente sobre accesibilidade.

2. Para os efectos da presente orde, entenderanse como edificios de uso público os referidos no artigo 16 da Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade, e para o caso de solicitar subvención para a realización de actuacións neles, deberán ser edificios cuxa data de referencia de construción ou de última reforma integral, acreditada na forma que se dispón no artigo 9.1.j) da presente orde, sexa anterior ao 4 de decembro de 2010. Non será exixible este requisito cando a intervención a realizar non estea incluída entre as actuacións exixibles no Código técnico da edificación, aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo.

3. As actuacións subvencionables terán que terse iniciado en calquera caso antes do 31 de decembro de 2016.

Contía

Destínase crédito por importe de 900.000 euros, distribuído nas anualidades 2016 (212.500 euros) e 2017 (687.500 euros) cofinanciado con fondos Feder nun 80 %, Programa operativo de Galicia 2014-2020, obxectivo específico 9.7.1.

A contía máxima que se pode conceder por entidade beneficiaria será de 70.000 euros, que en ningún caso poderá exceder o 75 % do orzamento total subvencionable.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

 

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 149896.94 KB
PDF icon DOG Nº. 149 - EXTRACTO434.67 KB