Data:
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Orde do 22 de maio de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da colaboración coas entidades locais e cos organismos intermedios sen ánimo de lucro, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2026 (códigos de procedemento TR350E e TR349Z).
BDNS (Identif.): 911380.
Obxecto
Esta orde ten por obxecto o financiamento de accións de fomento do emprego, en colaboración con entidades locais e organismos intermedios sen ánimo de lucro, para contratar durante nove meses persoas mozas inscritas e en situación de beneficiarias no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral (códigos de procedemento TR350E e TR349Z).
Esta convocatoria ten por finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas que non estudan nin traballan, inscritas como beneficiarias no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, mediante a prestación de servizos que lles posibiliten ás persoas participantes realizar un traballo efectivo que lles procure unha práctica profesional necesaria para a súa integración sustentable no mercado de traballo.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades locais e os organismos intermedios sen ánimo de lucro.
Por entidade local considéranse os concellos de Galicia, como entidade local básica da organización territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
Terase en conta a iniciativa galega de concellos emprendedores, regulada no título VI da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
Para os efectos desta orde, entenderase por organismos intermedios sen ánimo de lucro as entidades que actúan como ligazón entre diferentes actores dun ou varios sectores económicos (como individuos, comunidades, organizacións ou institucións) co obxectivo de facilitar a cooperación, o desenvolvemento de proxectos, a prestación de servizos ou a promoción de actividades sen perseguir beneficios económicos para os seus membros ou dirixentes. Os organismos intermedios sen ánimo de lucro, na data de publicación da presente convocatoria, estarán constituídos e inscritos no correspondente rexistro (de asociacións, de clústeres empresariais, de asociacións profesionais de traballadores autónomos, de agrupacións empresariais, etc.), e disporán de centro de traballo en Galicia (asociacións empresariais sectoriais ou multisectoriais, clústeres empresariais e consellos reguladores).
Importe
Para a concesión destas axudas destínanse seis millóns cincocentos mil euros (6.500.000 €):
a) Un orzamento de 3.000.000 de euros destinado ás entidades locais de Galicia.
b) Un orzamento de 3.500.000 euros destinado aos organismos intermedios sen ánimo de lucro.
Requisitos xerais dos servizos que se prestarán polas entidades beneficiarias
Os servizos que se desenvolvan ao abeiro desta orde deberán posibilitarlles ás persoas contratadas a realización dun traballo efectivo en tarefas relacionadas cos fins das entidades beneficiarias (tanto entidades locais como organismos intermedios), que lles procure unha práctica profesional necesaria para a súa integración sustentable no mercado de traballo, e non estar afectos ao desenvolvemento dunha actividade económica conforme o establecido pola xurisprudencia europea (entenderase por actividade económica calquera actividade consistente na subministración de bens ou servizos nun mercado determinado), e deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Que sexan prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.
b) Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos en tarefas relacionadas cos fins da entidade beneficiaria, sexa como mínimo de 9 meses e a xornada a tempo completo, ao ser esa a duración e a xornada máxima subvencionable.
d) Que a entidade beneficiaria dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo dos gastos non subvencionables ao amparo desta orde, de ser o caso.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (os dous códigos asignados pola BDNS corresponden a un mesmo texto da convocatoria):
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/911380
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/911383
-Na Subdirección xeral de Emprego da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais.

Sede Electrónica