SUBVENCIÓNS DESTINADAS AO FOMENTO DA CONTRATACIÓN DE MULLERES QUE SOFREN VIOLENCIA DE XÉNERO. PRAZO: 11-02-2021

Data: 

martes, 12 Xaneiro, 2021 (Todo o día) a xoves, 11 Febreiro, 2021 (Todo o día)

 

Consellería de Emprego e Igualdade 

Resolución do 14 de decembro de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento SI461A). BDNS (Identif.): 543363.

Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2021, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a financiar a contratación por parte das entidades locais galegas de mulleres que sofren violencia de xénero.

A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu empoderamento, e reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución os concellos galegos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal.

 Financiamento

Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total de 1.424.016 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 11.02.313D.460.1 (código do proxecto 2018 00112).

Contía da subvención

1. A contía da subvención que se concederá ás entidades locais beneficiarias será, por cada muller contratada a tempo completo, a equivalente á necesaria para sufragar durante o período de contratación, ata un máximo de 12 mensualidades, as retribucións salariais brutas totais, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo convenio colectivo ou normativa laboral aplicable vixente no momento de formular a solicitude e acorde coa súa categoría profesional.

2. O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

3. Para os efectos desta subvención, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

4. O número máximo de contratacións que se van subvencionar a cada entidade solicitante establécese segundo a poboación do ámbito territorial da entidade, de acordo co seguinte:

a) Ata 5.000 habitantes: 1 contratación.

b) Entre 5.001 e ata 20.000 habitantes: ata un máximo de 2 contratacións.

c) Entre 20.001 e ata 50.000 habitantes: ata un máximo de 4 contratacións.

d) Máis de 50.000 habitantes: ata un máximo de 6 contratacións.

Para estes efectos, teranse en conta as cifras oficiais de poboación en data 1 de xaneiro de 2020.

5. O importe das subvencións reguladas nesta resolución en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da acción que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

Prazo 

O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: