SUBVENCIÓNS DESTINADAS AO FINANCIAMENTO DE GASTOS CORRENTES DERIVADOS DA REALIZACIÓN DE FESTIVAIS, FEIRAS, MOSTRAS, CICLOS E CERTAMES DE ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS DE CARÁCTER AFECCIONADO. PRAZO: 21-08-2015

Data: 

mércores, 22 Xullo, 2015 (Todo o día) a venres, 21 Agosto, 2015 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 10 de xullo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2015.

Finalidade e obxecto

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a financiar os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2015.

Inclúense nesta orde os gastos correntes derivados da realización dos programas e actividades desenvolvidos desde o 1 de xaneiro de 2015 ata a data límite de xustificación da orde.

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por programas ou actividades culturais concretas aquelas destinadas á promoción e cooperación cultural e á difusión e animación sociocultural que contribúan ao espallamento e á promoción da cultura en Galicia.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación, que se axustará aos preceptos contidos no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Beneficiarios

1. Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as institucións sen fin de lucro domiciliadas en Galicia, así como as entidades locais galegas que leven a cabo algún dos eventos descritos no obxecto da convocatoria, e cumpran os requisitos referidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia.

As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar). Quedarán excluídas as solicitudes conxuntas nas cales non se acredite a realización conxunta do evento e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que as actividades se prestan de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que en todo caso non supón unha actuación illada ou independente.

2. As fundacións que se acollan a esta convocatoria non poderán percibir subvencións nin axudas públicas se non cumpren coa obriga de presentarlle as contas ao protectorado, segundo o establecido no artigo 38.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.

4. Cada solicitante só poderá presentar un único proxecto e cada proxecto só poderá ter un único solicitante.

Imputación orzamentaria e contía

As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2015 seguintes: 09.20.432B.481.2 por un importe inicial máximo de 30.000 €, para os solicitantes dentro do grupo de institucións sen fin de lucro, e 09.20.432B.460.0 por un importe inicial máximo de 20.000 €, para o grupo de solicitantes de entidades locais e agrupacións de concellos, sen prexuízo de que este orzamento inicial poida ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1. A dotación das axudas será destinada ao financiamento dos gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2015.

2. A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 6.000 €, que en ningún caso poderá exceder o 70 % do orzamento total do proxecto que se vai realizar. Este importe de 6.000 € ascenderá a 7.500 € cando se trate de solicitudes conxuntas de entidades locais, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar).

O importe máximo destas axudas non poderá, en ningún caso, superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias; estas axudas serán compatibles, para os mesmos gastos subvencionables, con outras axudas concedidas por entidades públicas ou privadas sempre que a acumulación de axudas non supere a totalidade do custo e se respecten as condicións establecidas en cada réxime de axudas na normativa aplicable.

En caso de que o conxunto das axudas supere o custo das actividades, esta axuda reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

3. Non terán dereito a percibir a axuda aquelas entidades das cales os seus eventos non acaden, polo menos, 25 puntos na valoración da comisión, segundo os criterios establecidos no artigo 8.3.B (valoración do proxecto que se vai realizar).

4. Entre as entidades que teñan dereito a percibir a axuda sumarase o total de puntos obtidos nas modalidades de artes escénicas e música. Para obter a contía subvencionada, dividirase o importe total de cada orzamento (30.000 €, no caso de solicitantes que sexan do grupo de entidades sen fin de lucro, e 20.000 € no caso de solicitantes de entidades locais e agrupacións de concellos) entre o total dos puntos obtidos, por cada grupo de solicitantes. Isto daranos o valor do punto, para cada grupo, que será multiplicado pola puntuación obtida por cada un dos solicitantes de cada grupo.

5. No caso de que algún dos dous grupos de beneficiarios non esgote o seu orzamento, ben polo número de solicitudes ou pola puntuación obtida, a comisión de valoración poderá incorporar o importe sobrante ao outro grupo de solicitantes.

6. Non se poderán subcontratar, nin total nin parcialmente, as actividades realizadas, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Prazo

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes. 

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon dog136.pdf835.18 KB