SUBVENCIÓNS A CONCELLOS PARA O FOMENTO DA ACCESIBILIDADE E SINALIZACIÓN DOS RECURSOS TURÍSTICOS NO MEDIO RURAL. PRAZO: 29-03-2016

Data: 

martes, 1 Marzo, 2016 (Todo o día) a martes, 29 Marzo, 2016 (Todo o día)

 

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos para o apoio aos investimentos para uso público en infraestrutura recreativa, información turística e infraestrutura turística a pequena escala, mediante o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2016.

Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

2. Para os efectos desta resolución, terán a consideración de pequenas infraestruturas turísticas aquelas cuxo investimento sexa inferior a 120.000 € (IVE excluído).

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Son subvencionables as actuacións de mellora da accesibilidade e da sinalización segundo se especifica a seguir:

• Accesibilidade.

Son subvencionables as actuacións que melloren a accesibilidade dos seguintes recursos turísticos:

a) Miradoiros.

b) Praias marítimas e fluviais.

c) Bens de interese cultural (BIC). Para estas intervencións será necesaria a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Exclúense as actuacións para a creación e/ou mellora de infraestruturas e equipamentos vinculados á prestación de servizos básicos, destinados a concellos de Galicia, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia dentro da medida 321.33.

Poderán ser obxecto de axuda as seguintes actuacións:

a) Construción, ampliación ou mellora de aparcamentos para o acceso aos recursos definidos neste artigo.

b) Construción de pasarelas, ramplas e eliminación de barreiras arquitectónicas que melloren o acceso ao recurso e os seus itinerarios de visita.

c) Construción ou adecuación de aseos adaptados para persoas con diversidade funcional.

Só serán subvencionables as obras que utilicen materiais construtivos que permitan a integración harmónica e respectuosa coa contorna na cal se atopa o recurso. Neste senso deberá evitarse o uso de asfalto ou de formigón cando visualmente non se acomoden esteticamente co medio.

En todo caso deberá cumprirse a normativa vixente en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas.

• Sinalización.

Son subvencionables as actuacións de sinalización dos seguintes recursos turísticos:

a) Miradoiros.

b) Praias marítimas e fluviais.

c) Bens de interese cultural (BIC).

d) Sendeiros galegos homologados pola Federación Galega de Montañismo.

e) Rutas en centros BTT de Galicia pertencentes á Rede da Xunta de Galicia.

Poderán ser obxecto de axuda as seguintes actuacións:

a) Nova sinalización en estradas, sempre que conten coas autorizacións dos organismos competentes.

b) Paneis interpretativos, tanto tradicionais, como aqueles que incorporen novas tecnoloxías.

c) Ferramentas tecnolóxicas que sirvan para os fins previstos nestas bases (aplicacións para teléfonos intelixentes, códigos QR, tecnoloxía NFC, audioguías...).

d) Colocación de postes e outros elementos consonte os criterios de homologación de sendeiros e os específicos dos centros BTT de Galicia.

Os materiais e características da sinalización deberán respectar o Manual oficial de sinalización turística da Xunta de Galicia, Decreto 85/2012, do 16 de febreiro (DOG núm. 47, do 7 de marzo), e os correspondentes manuais de sendeiros homologados ou de centros BTT.

Os paneis interpretativos deberán utilizar materiais resistentes á intemperie, ao vandalismo e asemade que harmonicen coa contorna onde se coloquen.

No caso de que exista sinalización obsoleta, redundante ou deteriorada de titularidade do concello deberá ser retirada antes da colocación da nova sinalización.

No caso de que a sinalización que se vaia retirar sexa de titularidade doutra Administración pública ou dunha entidade privada, solicitarase a autorización correspondente.

Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os requisitos establecidos nestas bases, os concellos que desenvolvan proxectos de accesibilidade e sinalización de recursos turísticos nas zonas rurais de Galicia.

Só teñen a consideración de zonas urbanas os concellos da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela. Dentro de cada unha destas zonas urbanas, as parroquias definidas como rurais ou intermedias pola Autoridade de xestión xunto co Instituto Galego de Estatística serán admisibles para efectos dos fondos Feader.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias destas subvencións as agrupacións locais de carácter supramunicipal que estean integradas por municipios nos cales reúnan os requisitos establecidos no parágrafo anterior, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Esta agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da citada lei.

3. Os requisitos para seren beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

4. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do concello.

5. So poderá solicitarse unha axuda por concello ou agrupación supramunicipal.

Os concellos pertencentes a agrupacións supramunicipais que soliciten axudas como integrantes destas, poderán a súa vez solicitar unha axuda para unha actuación diferente de maneira independente.

Financiamento e concorrencia

1. As subvencións obxecto desta resolución imputaranse cun crédito de 1.333.333 € á aplicación orzamentaria 04 A2 761A 760.0, proxecto 2016 00002, cofinanciada nun 75 % por fondos Feader, nun 7,5 % con fondos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e nun 17,5 % con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán comportar á subvención oportuna, de acordo coa orde de incoación dos expedientes.

Nestes casos o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios nos que publicou a convocatoria sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.

2. A intensidade da axuda poderá acadar ata un máximo do 100 % do custo elixible subvencionable pola entidade beneficiaria. A intensidade da axuda non superará o importe máximo de 50.000 € e as diferentes contías estableceranse en función da puntuación obtida por cada solicitude.

3. As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feader e, por tanto, serán incompatibles con calquera outra axuda que, para o mesmo proxecto ou finalidade leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros...). Tamén serán incompatibles con outras axudas encadradas en calquera dos outros eixes do PDR.

4. Non obstante, é posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 40944.05 KB