SUBVENCIÓNS A CONCELLOS PARA ACTUACIÓNS DE EMBELECEMENTO DO LITORAL GALEGO (PRTR). NOVO PRAZO: 15-05-2023

Data: 

sábado, 18 Marzo, 2023 (Todo o día) a luns, 17 Abril, 2023 (Todo o día)

 

Axencia de Turismo de Galicia

Resolución do 14 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503G). BDNS (Identif.): 681680.

Obxecto e réxime

1. As subvencións reguladas por estas bases reguladoras teñen por obxecto establecer as condicións para a concesión de axudas para actuacións de rehabilitación de espazos singulares, dixitalización de recursos con potencial turístico e mellora da fachada turística no ámbito territorial do litoral da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse estas axudas para a anualidade de 2023.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os concellos situados no territorio do litoral galego, definido coma terra xunto á costa marítima dos mares Atlántico e Cantábrico.

2. Os requisitos para seren beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da entidade local solicitante.

4. Os concellos solicitantes deberán ter remitida a conta xeral do exercicio orzamentario de 2021 ao Consello de Contas de Galicia. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Importe

1. As axudas previstas nesta convocatoria financiaranse cun crédito total de 4.475.000 euros, imputables á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.760.0, proxecto 2022 00001, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023. O orzamento divídese en tres liñas de actuación subvencionables: transición verde e ecolóxica, cun orzamento de 2.700.000 €; transición dixital, cun orzamento de 675.000 €, e transición accesible e inclusiva, cun orzamento de 1.100.000 €.

2. Estas axudas financiaranse con cargo aos fondos asignados ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

3. A intensidade máxima das axudas será dun 90 % do custo total do proxecto, co límite máximo seguinte para cada unha das liñas de axuda:

a) Transición verde e ecolóxica: contía máxima de 80.000 € por proxecto.

b) Transición dixital: contía máxima de 15.000 € por proxecto.

c) Transición accesible e inclusiva: contía máxima de 50.000 € por proxecto.

Gastos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables os que se relacionan a seguir:

a) Liña 1: transición verde e ecolóxica para a rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral.

– Rehabilitación sustentable de edificacións de interese turístico inscritos no REAT, tales como museos, monumentos, teatros, galerías de arte, etc., nas que o concello acredite a súa dispoñibilidade. Enténdese por rehabilitación sustentable aquela que é respectuosa co contorno e está adaptada ás súas condicións, aforrando recursos mediante o emprego de materiais de baixo impacto ambiental (procedentes de fontes non contaminantes, materiais naturais, reciclados, reciclables e reutilizables) e aumente a vida útil do edificio. Tamén actuacións que reduzan a pegada de carbono como a instalación de cubertas vexetais ou a optimización de sistemas de ciclo de auga. A contribución á sustentabilidade deberá acreditarse na memoria explicativa que se debe achegar coa solicitude a que fai referencia o artigo 10.

– Investimento en zonas verdes como vías verdes, camiños e sendeiros, espazos naturais que fomenten a biodiversidade vexetal, que permitan conectar distintos puntos de interese turístico ou que contribúan á creación de novos produtos turísticos, tales como rutas polas zonas verdes.

– Restauración ambiental e integración paisaxística dos recursos que contribúan a un turismo sustentable. Inclúe a recuperación das condicións ambientais (vexetación, fauna, auga, solo...) de ecosistemas perturbados ou danados, co obxectivo de poñer en valor a biodiversidade e a dinámica do ecosistema orixinal, así como a corrección das transformacións da paisaxe con motivo de edificacións, infraestruturas, para adecualas á paisaxe.

b) Liña 2: transición dixital dos recursos con potencial turístico no litoral.

– Gastos de desenvolvemento de aplicacións turísticas, que inclúen os gastos de compra do sistema operativo da aplicación e os gastos da instalación e desenvolvemento da aplicación.

– Gastos relacionados co desenvolvemento de códigos QR para o ámbito turístico.

– Gastos de deseño e instalación do desenvolvemento de folletos dixitais turísticos.

– Gastos relacionados co desenvolvemento de guías interactivas turísticas: aplicación móbil que promociona os atractivos turísticos do país, que facilita aos turistas nacionais e estranxeiros información relacionada con eles (historia, horarios, precaucións, etc.) en diferentes idiomas. Iso inclúe visitas virtuais, vídeos e fotos de ríos, praias, covas, monumentos e lugares históricos utilizando o GPS.

– Gastos de desenvolvemento de aplicacións e instalación do Beacon turístico: dispositivos electrónicos baseados en tecnoloxía bluetooth que, polo seu reducido tamaño e o seu mínimo consumo enerxético, poden colocarse en calquera equipamento de sinalización turística (existente ou proxectado). Estes dispositivos serán colocados en puntos turísticos co obxectivo de compartir nos móbiles a información de interese turístico.

– Gastos de compra e instalación de placas turísticas: placas informativas dixitais.

– Gastos de compra e instalación da sinalización monumental intelixente: compra de monólitos descritivos de cada un dos monumentos de carácter dixital.

– Gastos de compra e instalación de pantallas interactivas: dispositivo montado que ofrece presentacións visuais vibrantes e a opción de controlar os datos en pantalla mediante interaccións con pantalla táctil dixital.

– Gastos de compra e instalación relacionados coa sensorización IoT: tecnoloxía que conecta zonas turísticas ou monumentos mediante sensores vinculados a internet e que son capaces de intercambiar datos entre si.

Os gastos da liña 2 irán acompañados dun plan de contidos que se especificará na memoria que se achegue coa documentación complementaria que se indica no artigo 10.

c) Liña 3: transición accesible e inclusiva para un turismo máis competitivo.

– Gastos de obra e reforma que impliquen a modernización, a mellora, a remodelación ou adaptación de equipamentos existentes que favorezan a accesibilidade dos cidadáns a recursos turísticos inscritos no REAT.

– A adquisición e mellora de bens de equipamento precisos para o desenvolvemento da actividade turística como as instalacións que faciliten a accesibilidade e mobilidade a recursos turísticos inscritos no REAT. O equipamento adquirido deberá cumprir as exixencias establecidas na normativa da aplicación, a Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade, e as normas técnicas da UE de accesibilidade universal.

2. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable pola entidade solicitante.

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de outubro de 2023.

NOVO Prazo de presentación de solicitudes (public. no DOG Nº. 72, 14 abril 2023)

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 681680): https://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na páxina web oficial da Axencia de Turismo de Galicia: https://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-s...

-Na páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento.

-Nos teléfonos 981 54 74 05 e 981 54 63 60.

-No enderezo electrónico: fomento.turismo@xunta.gal

Descargas: