SUBVENCIÓNS ÁS AGRUPACIÓNS DE PERSOAL VOLUNTARIO DE PROTECCIÓN CIVIL DE CONCELLOS DE MENOS DE 50.000 HABITANTES, MANCOMUNIDADES OU AGRUPACIÓN DE CONCELLOS. PRAZO: 14-05-2015

Data: 

mércores, 15 Abril, 2015 (Todo o día) a xoves, 14 Maio, 2015 (Todo o día)

 

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 1 de abril de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupación de concellos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de Galicia (AVPC), segundo recolle o artigo 72 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2015 en réxime de concorrencia competitiva.

Con estas axudas preténdese colaborar economicamente coas AVPC nos gastos de natureza corrente, o que posibilitará o funcionamento destas entidades dentro dos seus concellos e a colaboración nos plans e programas de protección civil da Xunta de Galicia.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias das subvencións as agrupacións de persoal voluntario de protección civil de Galicia legalmente constituídas, sen fins de lucro, que no día da publicación desta orde, cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro de agrupacións de persoal voluntario de protección civil ou que presentasen oficialmente a solicitude de inscrición nel, neste caso queda condicionada a concesión da subvención á efectiva inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como máis tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter dependencia dun concello de menos de 50.000 habitantes, mancomunidade ou agrupación de concellos.

c) Xustificar o investimento e liquidación de subvencións concedidas en anos anteriores, segundo o disposto nos artigos aplicables da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e concordantes e do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de tal forma que a non xustificación deste investimento e liquidación leva consigo non poder optar ás subvencións nos seguintes exercicios.

d) Non ter sido condenados por sentencia firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións públicas, estar ao día do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Cumprir o disposto no artigo 54 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e contratar un seguro de accidentes así como de responsabilidade civil.

Destino das subvencións

As subvencións poderán ser utilizadas en:

1. Equipamento e vestimenta persoal de uniforme.

2. Equipos de prevención e de protección, sempre que se trate de material funxible (incluído material de caixa de urxencias).

3. Gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil.

4. Gastos ocasionados pola conservación, mantemento e/ou alugamento da súa base e medios de intervención, aplicacións informáticas e de comunicacións, así como os gastos de comunicación fixos e móbiles de voz e datos.

5. Pagamento de seguros do persoal voluntario de protección civil ou outro tipo de seguros relacionados cos medios e desenvolvemento do traballo e das tarefas da AVPC.

6. Gastos ocasionados pola formación dos seus compoñentes.

7. Equipamento do material informático e de comunicacións, sempre que, en ambos os casos, se trate de elementos funxibles.

Prazo

A correspondente solicitude, dirixida á persoa titular da xefatura territorial de cada provincia da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, presentarase dentro do prazo dun mes a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 69717.66 KB