SUBVENCIÓN PARA A PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES DE DINAMIZACIÓN DA LECTURA NAS BIBLIOTECAS E/OU AXENCIAS DE LECTURA PÚBLICAS DE TITULARIDADE MUNICIPAL INTEGRADAS NA REDE DE BIBLIOTECAS PÚBLICAS DE GALICIA. PRAZO: 23-04-2021

Data: 

mércores, 24 Marzo, 2021 (Todo o día) a venres, 23 Abril, 2021 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Educación e Universidade 

Orde do 9 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención a entidades locais de Galicia para a programación de actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT236A). BDNS (Identif.): 553612.

Obxecto

Establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións dirixidas ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas de Galicia, para ofrecer un conxunto de actividades nas bibliotecas públicas galegas que acheguen a cidadanía á lectura e á información dunha maneira lúdica e atraente.

Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias desta subvención todas as entidades locais de Galicia que:

a) Sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia.

b) Estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Teñan cumprido o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

2. Tamén poderán ser beneficiarias destas axudas as agrupacións de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios comúns. As devanditas agrupacións deberán estar debidamente acreditada e os concellos integrantes da agrupación deberán cumprir, individualmente, os requisitos establecidos na presente orde.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades locais que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Requisitos de participación

1. As entidades locais receptoras da axuda deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter as bibliotecas ou axencias de lectura pública para as que solicita a axuda, integradas na Rede de bibliotecas de Galicia (capítulo V do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas) antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de subvención reguladas nesta orde.

b) Ter un horario de apertura ao público dun mínimo de 15 horas semanais.

c) Ter cuberta a estatística de bibliotecas do ano 2019 e remitida ao Servizo do Sistema de Bibliotecas de Galicia.

Quedan excluídas do cumprimento deste requisito as entidades locais que integraran as súas bibliotecas ou axencias de lectura pública na Rede de bibliotecas públicas de Galicia durante 2020 ou que reactivaran os seus servizos ao longo de 2020 .

d) Ter informatizada a xestión da biblioteca ou da axencia de lectura.

Quedan excluídas do cumprimento deste requisito as bibliotecas ou axencias de lectura pública que pasaran a formar parte do Catálogo colectivo da Rede de bibliotecas públicas de Galicia ao longo do 2020.

e) Ter remitido ao Consello de Contas de Galicia a conta xeral do exercicio 2019.

Importe

Destinarase un crédito total de 195.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.432A.760.3 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Prazo de presentación de solicitudes

Un mes desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.

Descargas: