SUBVENCIÓN PARA A DOTACIÓN DE NOVIDADES EDITORIAIS EN GALEGO E PARA A MELLORA DAS COLECCIÓNS BIBLIOGRÁFICAS CON DESTINO ÁS BIBLIOTECAS E/OU AXENCIAS DE LECTURA PÚBLICAS DE TITULARIDADE MUNICIPAL. PRAZO: 22-01-2018

Data: 

xoves, 21 Decembro, 2017 (Todo o día) a luns, 22 Xaneiro, 2018 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria 

ORDE do 22 de novembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención a entidades locais de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico e para a mellora das coleccións bibliográficas con destino ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia, e se convoca para o ano 2018. BDNS (Identif.): 374236.

Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións dirixidas ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia. Procedemento CT235A.

2. Nesta orde regúlanse os seguintes dous programas de subvencións:

Programa A .Subvencións para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico.

Programa B. Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas.

3. Así mesmo, ten por obxecto convocar as ditas subvencións para o ano 2018.

Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias desta subvención todas as entidades locais de Galicia que:

a) Sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia.

b) Estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Teñan cumprido o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

2. Tamén poderá ser beneficiaria destas axudas a agrupación de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios comúns. A dita agrupación deberá estar debidamente acreditada, e os concellos integrantes da agrupación deberán cumprir, individualmente, os requisitos establecidos na presente orde.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades locais que estean nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Requisitos de participación

1. As bibliotecas ou axencias de lectura pública municipais receptoras dos fondos bibliográficos deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia (capítulo V do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas) antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de subvención reguladas nesta orde.

b) Ter un horario de apertura ao público dun mínimo de 15 horas semanais.

c) Ter cuberta a estatística de bibliotecas do ano 2016 e remitida á Secretaría Xeral de Cultura.

d) Ter informatizada a xestión da biblioteca ou da axencia de lectura.

e) Ademais dos anteriores requisitos, as entidades locais que soliciten o programa B «Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas» deberán ter realizado no período comprendido entre o 1 de maio de 2017 e o 31 de decembro de 2017 un investimento na adquisición de fondos bibliográficos con destino á biblioteca ou axencia de lectura pública municipal, con cargo aos orzamentos do concello. Este investimento deberá ser igual ou superior ao 20 % da cantidade máxima que se pode conceder segundo o establecido no artigo 37 desta orde.

2. Queda excluída deste investimento a adquisición de fondos bibliográficos con destino á biblioteca ou axencia de lectura pública municipal realizada cos fondos procedentes doutras axudas ou subvención públicas.

Prazo 

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, os domingos e os declarados festivos.

 

Sección 1ª. Programa A. Subvencións para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico.

Imputación orzamentaria

Estas axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432A.760.2, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, por un importe de 200.000 euros.

Fondos bibliográficos obxecto de subvención

1. Os fondos bibliográficos obxecto de subvención deberán estar incorporados á plataforma electrónica https://novidadeseditoriais.xunta.gal e ser seleccionados e recibidos por cada entidade local beneficiaria. A incorporación realizaranas as entidades editoras de acordo co sinalado no artigo 29 desta orde.

2. Con cargo á subvención o número máximo de exemplares de cada título que poderá solicitar cada entidade local ás editoriais, para cada unha das súas bibliotecas e/ou axencias de lectura municipal, será de 3.

Axudas

A contía do importe dos fondos bibliográficos a que poderá acceder cada entidade beneficiaria determinarase en función do número de habitantes de cada concello, segundo as cifras oficiais de poboación correspondentes ao ano 2016 publicadas polo Instituto Galego de Estatística, de conformidade coa seguinte táboa:

– Menos de 2.000 habitantes: recibirán libros por un importe máximo de 500 €.

– De 2.001 a 5.000: recibirán libros por un importe máximo de 1.000 €.

– De 5.001 a10.000: recibirán libros por un importe máximo de 1.500 €.

– De 10.001 a 20.000: recibirán libros por un importe máximo de 2.000 €.

– De 20.001 a 30.000: recibirán libros por un importe máximo de 2.500 €.

– De 30.001 a 50.000: recibirán libros por un importe máximo de 3.000 €.

– Máis de 50.001: recibirán libros por un importe máximo de 3.500 €.

No caso de que concurra unha agrupación de concellos, computaranse como número de habitantes o sumatorio dos habitantes integrantes dos concellos agrupados.

O cálculo do bono co importe máximo en libros que se concederá realizarase sobre a porcentaxe que resulta de aplicar o total de crédito orzamentario dispoñible para a adquisición dos fondos, sobre o total de subvención, prevista para este programa, que se vai conceder segundo a táboa anterior (sumatorio do número de entidades locais por tramo multiplicado por contías individuais indicativas por tramo). A dita porcentaxe multiplicarase polas contías individuais indicativas da propia táboa.

Non obstante, poderanse superar as cantidades máximas a que se refire este artigo se unha vez repartido o crédito inicial existisen remanentes. Neste caso, o órgano instrutor poderá distribuír proporcionalmente a cantidade dispoñible entre as solicitudes correctamente recibidas que non alcanzasen o importe máximo da axuda. Se nesa repartición todos os solicitantes acadasen esa contía máxima a que se refire o parágrafo primeiro deste artigo, a cantidade restante ratearase entre todos os beneficiarios.

 

Sección 2ª. Programa B. Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas.

Imputación orzamentaria

Estas axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432A.760.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, por un importe de 350.000 euros.

Fondos bibliográficos obxecto de subvención e exclusións

1. Será obxecto desta axuda a compra de monografías (tanto libro infantil como libro dirixido ás persoas adultas), material sonoro (CD e vinilo), videogravacións (DVD, Blu-Ray), recursos electrónicos (CD-ROM, DVD-ROM ou calquera outro formato para videoxogos), partituras e material cartográfico (mapas e planos). Estes materiais deberán estar dirixidos ao mantemento ou renovación da colección e terán por obxectivo o préstamo a domicilio ou a consulta dentro das instalacións da propia biblioteca.

2. O número máximo de exemplares que se poderán adquirir por título será de 3.

3. Un 25 % do importe concedido destinarase á adquisición de fondo bibliográfico editado en lingua galega.

4. Non serán obxecto desta axuda reproducións facsimilares, gravados, grandes obras de consulta (enciclopedias en varios volumes, repertorio de xenealoxía e heráldica, etc.), pinturas, publicacións periódicas (revistas, xornais, boletíns…) ou calquera outro material non mencionado no punto 1.

Axudas

A contía indicativa inicial da subvención determinarase en función do número de habitantes de cada concello, segundo as cifras oficiais de poboación o 1 de xaneiro de 2016 publicadas polo Instituto Galego de Estatística, de conformidade coa seguinte táboa:

– Menos de 2.000: recibirán un máximo de 800 €.

– De 2.001/5.000: recibirán un máximo de 1.500 €.

– De 5.001/10.000: recibirán un máximo de 2.000 €.

– De 10.001/20.000: recibirán un máximo de 2.500 €.

– De 20.001 a 30.000: recibirán un máximo de 3.000 €.

– De 30.001 a 50.000: recibirán un máximo de 4.000 €.

– Máis de 50.001: recibirán un máximo de 5.000 €.

No caso de que concorran unha agrupación de concellos, computarase como número de habitantes o sumatorio dos habitantes integrantes dos concellos agrupados.

O cálculo da axuda que se concederá realizarase sobre a porcentaxe que resulta de aplicar o total de crédito orzamentario dispoñible para este programa (350.000,00 €) sobre o total de subvención que se vai conceder segundo a táboa anterior (sumatorio do nº de entidades locais por tramo multiplicado por contías individuais indicativas por tramo). A dita porcentaxe multiplicarase polas contías individuais indicativas da propia táboa.

 

 

Descargas: